Un menú personalizado con produto local e de tempada para máis de 330 estudantes do CEIP Antonio Palacios
A presidenta de Eu Rural, Sandra González, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron o comedor escolar deste centro, que forma parte do proxecto piloto da Rede EcoComedores
A Rede EcoComedores de Eu Rural desembarcou no Porriño para dar a probar os seus menús saudables á rapazada porriñesa. A presidenta de Eu Rural, Sandra González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e as concelleiras de Educación e Turismo, Carolina González e Vanessa Ucha, visitaron o comedor do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, no que durante toda a semana pasada cativos e cativas degustaron un menú especialmente deseñado ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico. Durante unha semana, os máis de 330 rapaces e rapazas que acoden ao comedor escolar deste centro educativo porriñés puideron probar un menú elaborado con produtos servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, o luns comezaban cunha ensalada de tomate e revolto de ovo con espinacas; o martes degustaron arroz 3 delicias e polo guisado con verduras; o mércores foi a quenda de ensalada de garavanzos e fideuá de verduras; o xoves houbo ensalada de pasta de entrante e pescada en salsa verde de prato; e o venres rematou con brócoli gratinado con patacas guisadas con tenreira. De sobremesa houbo todos os días froita de tempada, agás o xoves que foi acompañada de requeixo ou queixo fresco. Durante a visita, Sandra González destacou “a importancia de proporcionar unha alimentación equilibrada aos nosos nenos e nenas dende unha idade temperá, porque ensinarlles a comer ben dende pequenos e pequenas, inculcando hábitos alimenticios sans beneficiará a súa saúde ao longo de toda a súa vida. Cremos que este proxecto contribuirá de xeito significativo ao benestar da nosa rapazada e á promoción dos e das empresas produtoras locais”. Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o orgullo do Concello por colaborar estreitamente no proxecto Rede EcoComedores. “Queremos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas en todos os aspectos e a alimentación saudable é un piar fundamental deste compromiso. Traballar da man cos centros escolares e apoiar iniciativas que promoven unha dieta equilibrada e o consumo de produtos locais e de tempada é esencial para construír un futuro máis sostible”, recalcou o rexedor.