Galicia Suroeste en colaboración co Concello de Pazos de Borbén organiza unha xornada formativa sobre a importancia das marcas de calidade para os produtos do rural.


A xornada será o vindeiro martes día 19 de maio, en horario de tarde na casa cultural de Xunqueiras, e rematará coa proxección do documental “A Casa da Costa”

O vindeiro martes día 19 de maio, na casa cultural de Xunqueiras, en Pazos de Borbén, terá lugar a xornada formativa “A importancia das marcas de calidade na transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios – A Experiencia Ruralmente na Casa da Costa”.

Ditas xornadas pretenden ser un espazo de encontro e reflexión ao redor das marcas de calidade para os produtos do rural, centrando neste caso o obxectivo nas Indicacións Xeográficas Protexidas.

Durante a xornada, na que participará persoal técnico dos grupos de desenvolvemento rural do proxecto, falarase da importancia para os territorios de tres produtos concretamente: o Pan galego, a pataca de Galicia e o Pimentón de la Vera.

O pasado mes de agosto, a Casa da Costa en Xunqueiras acolleu un evento de exaltación destes produtos, nos que o Pan galego tivo un protagonismo especial. A través deste produto, púxose en valor a figura dos emigrantes a América, e como eles foron capaces de levar a nosa cultural do pan a outro continente.

A figura dos indianos estivo moi presente no evento, permitindo facer un percorrido pola historia e o retorno que os indianos trouxeron para as súas aldeas, con casos tan tanxibles como a importante arquitectura indiana que aínda hoxe podemos contemplar en moitas das parroquias de Pazos de Borbén. Froito desta experiencia na Casa da Costa, foi creado un documental, no que ademais de poder coñecer de cerca todo o vivido eses días en Xunqueiras, varias persoas interviñeron para falar de arquitectura indiana, de pan galego e de emigración.

O documental será proxectado por primeira vez nas xornadas do vindeiro martes. Para poder asistir, é necesario realizar unha inscrición a través do enlace https://galiciasuroeste.gal/proxectos/ruralmente

O proxecto Ruralmente é financiado a través de fondos da PEPAC 2023-2027 – FEADER.

FOTO_PRENSA

Novas relacionadas

Ver todas