VI Foro - 2026
PAZOS DE BORBÉN | 15 de outubro. Ás 19 horas en La Renovadora, Moscoso.
O “Foro da Muller Rural Galega” é unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural para conmemorar cada ano o 15 de outubro, Día da Muller Rural. Con esta iniciativa, desde a Asociación prentendemos dar voz a todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o noso territorio.
É un recoñecemento ao importante papel que as mulleres desempeñan no noso rural, e que pretende servir de exemplo para outras tantas mulleres, demostrando que se pode emprender no rural, se pode vivir no rural, se pode transformar o rural e que xuntas somos máis fortes.
O foro pretende ser un lugar de encontro no que “Compartimos Experiencias e Visibilizamos Realidades”. As nosas mulleres son as protagonistas e cada unha, presenta a súa iniciativa de desenvolvemento no rural. Tras a lectura do Manifesto do día da Muller Rural, o acto remata coa entrega do recoñecemento á muller homenaxeada da edición, por toda unha vida defendendo e impulsando os valores da igualdade e dinamizando a sociedade e o noso territorio.
Este Foro promete ser unha importante ferramenta para o coñecemento e a divulgación e cada ano se celebrará unha edición, coincidindo co día da Muller Rural.