Espazos Efémeros

Espazos Efémeros é un proxecto de cooperación transnacional que busca dar nova vida ao rural a través do comercio, a cultura e o emprendemento. Durante 18 meses, Galicia, Asturias e Portugal unirán esforzos para crear unha rede de tendas temporais sostibles que funcionarán como espazos de encontro, visibilización e dinamización.

Espazos Efémeros

Rede de Espazos Efémeros


Por que nace Espazos Efémeros?

Os territorios rurais enfróntanse a retos comúns: perda de poboación e envellecemento, debilitamento do pequeno comercio, escasa visibilidade para novas iniciativas e falta de acceso a espazos de venda. Espazos Efémeros xorde como resposta, propondo unha ferramenta innovadora para conectar produto local, identidade territorial e experiencia cultural.



Que son os espazos efémeros?

Son tendas temporais sostibles que combinan diferentes funcións: puntos de venda para produtores, artesáns e persoas emprendedoras, escenarios de programación cultural e gastronómica, lugares de encontro comunitario e nodos de atracción turística e dinamización social. Cada espazo efémero será unha oportunidade para experimentar novas formas de comercio, para que os emprendedores poidan testar os seus produtos e para que a veciñanza e visitantes descubran a riqueza do territorio.

Obxectivos do proxecto

  • Reforzar o pequeno comercio e mellorar a súa competitividade.
  • Apoiar a aparición de novas iniciativas emprendedoras, con especial atención a mulleres e mocidade.
  • Atraer talento creativo ao rural en ámbitos como artesanía, agroecoloxía, moda, música ou gastronomía.
  • Potenciar o sentimento de orgullo e pertenza local.
  • Crear unha rede transnacional de boas prácticas que sirva de exemplo para outros territorios.

Quen está detrás?

O proxecto está liderado por catro entidades de desenvolvemento rural:

Xuntas traballan nun modelo común, con metodoloxía compartida, unha identidade gráfica conxunta e unha estratexia de comunicación que dará visibilidade internacional ao proxecto.

Actividades principais

  • Acto público de lanzamento e presentación do proxecto.
  • Creación de espazos efémeros en Galicia, Asturias e Portugal.
  • Programación cultural e gastronómica asociada a cada espazo.
  • Estratexia de comunicación multicanle: web, redes sociais, materiais gráficos e audiovisuais.
  • Elaboración dunha guía metodolóxica e de sustentabilidade que permitirá replicar o modelo noutros territorios.
  • Evento final de presentación de resultados.

Cara o futuro

Espazos Efémeros é máis que un proxecto: é unha rede de experiencias compartidas que busca poñer en valor o rural como espazo de innovación, creatividade e oportunidades. Con cada tenda temporal, con cada encontro cultural e con cada emprendedor visibilizado, sementamos unha nova narrativa: a do rural vivo, sostible e orgulloso da súa identidade.



Queres participar no Espazo Efémero de Gondomar?

Celebrarase entre os días 9 e 12 de outubro, ambos incluídos.

Para participar será necesario

  • Cumprir cos requisitos das bases reguladoras.
  • Remitir a través de correo electrónico (info@eurural.gal) o formulario de participación e a declaración responsable con data límite o 15 de setembro de 2025.
  • O número de prazas é limitado, polo que se recomenda realizar a inscrición o antes posible!


Financiamento

O proxecto Espazos Efémeros conta cun orzamento total de 137.440 €, destinado á creación, implementación e difusión desta rede transnacional de espazos.

Entidades financiadoras

O proxecto está financiado a través de Cooperación Leader, no marco do PEPAC 2023–2027, co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias. 



Proxectos relacionados

A esencia da Orixe

A esencia da Orixe_capa
  • Persoas
  • Produto
  • Territorio

“A esencia da Orixe” é un evento que ten por finalidade poñer en valor e reivindicar a actividade agrogandeira e os produtos do noso rural.

Saber máis

Rede EcoComedores

Rede EcoComedores_capa
  • Compromiso
  • Infantil
  • Produto

Co proxecto Rede EcoComedores buscamos adaptar os menús dos centros escolares a menús equilibrados e saudables para nenos e nenas que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico.

Saber máis

Son de monte

Proxecto-SondeMonte-op
  • Recursos
  • Territorio

O obxectivo principal de Son de Monte é crear unha REDE de traballo entre os diferentes axentes do territorio para contribuír de xeito activo á valorización do monte.

Saber máis

Nó rural

Nó rural_capa
  • Recursos
  • Territorio
  • Xuventude

Incorporando Ilusións é un proxecto de cooperación entre Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e é unha iniciativa para o acompañamento da xuventude interesada en coñecer mellor as oportunidades que hai nos ámbitos rurais para desenvolver o seu proxecto profesional e persoal.

Saber máis

Viños das IXP de Galicia

Viños das IXP de Galicia_capa
  • Ocio
  • Produto
  • Territorio

Viños das IXP de Galicia é un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Saber máis

Eurochef

Eurochef_capa
  • Persoas
  • Produto
  • Territorio

Perseguimos, mellorar a rendibilidade económica das empresas produtoras e transformadoras do territorio así como das empresas vinculadas ao sector turístico, favorecer a transferencia de coñecemento e das tradicións gastronómicas.

Saber máis