Galicia Suroeste fortalece a súa colaboración coa rexión portuguesa de Salóia a través dunha visita de estudo para impulsar novas iniciativas europeas
Unha delegación de Galicia Suroeste, integrada por membros da súa xunta directiva e representantes institucionais do territorio, realizou recentemente unha visita de estudo á rexión portuguesa de Salóia, un territorio que abrangue principalmente os concellos de Mafra, Sintra e Loures, co obxectivo de coñecer experiencias innovadoras de desenvolvemento local, reforzar as relacións de cooperación entre ambos territorios e identificar novas oportunidades de colaboración europea.
Durante a estadía, a delegación foi recibida polos presidentes das Cámaras Municipais de Mafra, Sintra e Loures, mantendo diversos encontros institucionais nos que se abordaron cuestións relacionadas co desenvolvemento rural, a innovación económica, a valorización dos recursos locais e os desafíos comúns aos que se enfrontan os territorios rurais e periurbanos.
A visita permitiu coñecer de primeira man algunhas das iniciativas máis representativas da rexión de Salóia. No concello de Sintra, os participantes tiveron a oportunidade de afondar en diferentes estratexias de desenvolvemento turístico sostible, coñecendo modelos de xestión orientados a compatibilizar a conservación do patrimonio natural e cultural coa actividade económica e turística. Estas experiencias puxeron de manifesto a importancia dunha planificación equilibrada que xere oportunidades para a poboación local ao tempo que preserva os recursos que fan único o territorio.
Outro dos puntos destacados da visita foi o coñecemento da Reserva Mundial de Surf de Ericeira, un proxecto de referencia internacional que exemplifica como a protección do litoral, a conservación do patrimonio natural e a práctica deportiva poden converterse en motores de desenvolvemento económico e turístico sostible.
A delegación visitou tamén o Ericeira Business Factory e o Mafra Business Factory, espazos dedicados ao impulso do emprendemento, á incubación de proxectos empresariais e á creación de ecosistemas de innovación capaces de atraer talento e xerar novas oportunidades económicas. Estas experiencias serviron para intercambiar coñecementos sobre modelos de apoio ao tecido empresarial local e sobre instrumentos para fomentar o emprendemento e a innovación como ferramentas de dinamización territorial.
No marco das sesións de traballo celebradas durante a visita, os participantes afondaron especialmente na necesidade de valorizar os produtos locais como elemento clave para o desenvolvemento económico e social dos territorios. Neste sentido, prestouse unha especial atención ao sector agrario e ás posibilidades que ofrece a transformación agroalimentaria para incrementar o valor engadido das producións locais, mellorar a rendibilidade das explotacións e favorecer a creación de emprego ligado aos recursos endóxenos.
Un dos exemplos analizados foi o de Bucelas, no concello de Loures, onde o sector vitivinícola constitúe un dos principais sinais de identidade do territorio. A experiencia permitiu coñecer de preto a aposta realizada pola valorización dos viños locais, a súa promoción comercial e turística e a conexión entre produción agraria, patrimonio, gastronomía e desenvolvemento económico. Outro dos casos que puideron coñecer en profundidade foron as adegas de Colares e as plantacións de viñedo e maceiras en chan de area.
Outro dos aspectos centrais da visita foi a análise das oportunidades que ofrecen os programas europeos para impulsar proxectos de cooperación internacional. Neste contexto, intercambiáronse experiencias e exploráronse posibles liñas de traballo conxunto orientadas á formación, a innovación social, o emprendemento, a participación cidadá, o desenvolvemento local sostible e o intercambio de coñecementos entre territorios europeos.
A mobilidade desenvolveuse coa colaboración do GAL A2S - Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia, entidade anfitrioa da visita e responsable da coordinación das actividades levadas a cabo no territorio. Esta acción dá continuidade ao proceso de cooperación iniciado entre ambas entidades tras a visita realizada por representantes da rexión de Salóia a Galicia Suroeste en outubro de 2024, na que tiveron ocasión de coñecer proxectos e iniciativas impulsadas no sur da provincia de Pontevedra.
A visita enmárcase nas actividades financiadas polo programa Erasmus+, instrumento da Unión Europea destinado a promover a aprendizaxe, a cooperación e o intercambio de experiencias entre organizacións e territorios de distintos países. Grazas a este apoio Galicia Suroeste e a rexión de Salóia, continuarán buscando oportunidades para o desenvolvemento de futuros proxectos europeos de interese común.