Éxito de participación nas xornadas RURALMENTE en Pazos de Borbén: pan, emigración e identidade rural como fío condutor
O proxecto RURALMENTE reuniu os días 6 e 7 de agosto na parroquia de Xunqueiras (Pazos de Borbén) a máis de 700 persoas nun encontro que combinou reflexión, cultura, gastronomía e música nun contorno rural con forte pegada indiana. A cifra de asistencia duplicou as previsións da organización, demostrando o interese por eventos que poñen en valor o patrimonio e a economía rural.
Durante dous días, a veciñanza e visitantes de toda a contorna participaron nunha programación coidada que xirou arredor do pan como símbolo de cultura e emigración, con especial atención á relación histórica entre Galicia e Brasil, e o papel da comunidade panadeira galega en cidades como Salvador de Bahía.
Un espazo con alma: a Casa da Costa
As xornadas desenvolvéronse no eido da Casa da Costa, unha casa indiana situada en Xunqueiras, que se revelou como símbolo perfecto do espírito RURALMENTE: unha celebración da riqueza agochada dos nosos territorios. Os asistentes puideron coñecer de preto a arquitectura indiana, os balados de pedra, as antigas canalizacións de auga e outros elementos únicos da construción civil tradicional, que forman parte da memoria viva do rural galego.
Xornada técnica – 6 de agosto
A primeira xornada centrouse no papel dos grupos de desenvolvemento rural como dinamizadores dos territorios e na importancia dos produtos locais como elementos de identidade, cultura e valor económico. As intervencións puxeron de manifesto o potencial transformador destas iniciativas desde o territorio, cun enfoque que combina tradición, innovación e identidade. A xornada abriu cunha conferencia sobre o mundo indiano e o impacto da emigración na configuración social e arquitectónica de moitas parroquias galegas, , impartida polo arquitecto Manuel Bugallo. A continuación, dúas mesas de debate reuniron representantes de GDRs, produtores e especialistas para reflexionar sobre as oportunidades que xeran os produtos do rural cando se valoran desde unha perspectiva de marca e patrimonio. O encontro pechouse cunha degustación de produtos locais e unha visita guiada pola Casa da Costa, permitindo coñecer de preto este exemplo de arquitectura indiana e o seu valor patrimonial.
Xornada divulgativa e formativa – 7 de agosto
A segunda xornada tivo un carácter máis lúdico, participativo e familiar, e estivo especialmente pensada para atraer públicos diversos e fomentar o contacto directo coa cultura e os produtos locais. Pola mañá desenvolvéronse obradoiros infantís de elaboración de pan e cerámica,así como unha fornada de pan no propio forno tradicional da Casa da Costa. O pasarrúas da Banda Musical de Goián encheu o espazo de ambiente festivo, que continuou cun acto institucional e unha sesión vermú acompañada de música en directo e degustación de produtos.
Xa pola tarde, o evento transformouse nunha mostra gastronómica aberta, cunha exaltación do produto local e da enogastronomía da zona. As persoas asistentes puideron gozar de música en vivo e dunha demostración de cociña en directo, que puxo en valor as posibilidades culinarias dos produtos de proximidade e a súa capacidade para xerar identidade e turismo de calidade.
Representación institucional e colaboración interterritorial
A xornada contou coa participación institucional de:
● Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do GDR Galicia Suroeste
● Xosé Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén
● Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia
● José Antonio Valado, alcalde de Verea
● Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal
● Juan González, alcalde Nigrán.
● Ana María Núñez, teniente alcalde de Tui
● Silvia Cernadas, concelleira de Soutomaior
● Sara Cebreiro,concelleira de Mos
● Rita Pérez, teniente de alcaldesa de Redondela
● Teresa Bartolomé, presidenta da DOP Pimentón de la Vera
● José Manuel Gómez, presidente da IGP Pataca de Galicia
A presenza de representantes doutros GDRs (Limia-Arnoia e Valle del Ambroz) reforzou o espírito colaborativo e supracomunitario do proxecto RURALMENTE, que aposta por tecer redes entre territorios a través do coñecemento compartido, a posta en valor de produtos con identidade e a cultura como motor de desenvolvemento.
Un evento para redescubrir o rural con orgullo
Este foi o primeiro dos tres encontros previstos no marco do proxecto RURALMENTE, unha iniciativa de cooperación interterritorial que terá continuidade nos vindeiros meses con dúas novas edicións: unha en Xinzo de Limia, centrada na valorización da pataca e o
territorio da Limia, e outra no Valle de Ambroz, en Cáceres, coa mirada posta no pementón de La Vera e o seu entorno cultural e produtivo.
As xornadas RURALMENTE deixaron unha fonda pegada pola súa capacidade de combinar divulgación e emoción, facendo do rural un espazo para a reflexión, o encontro e a celebración. Un evento que mirou ao pasado para reivindicar o futuro da nosa cultura alimentaria, da nosa arquitectura e da nosa capacidade para innovar desde a tradición.