Gondomar acolleu o acto de presentación do proxecto de cooperación Leader Espazos Efémeros, unha iniciativa para revitalizar o comercio e a creatividade no rural
O Pazo da Escola en Gondomar acolleu este xoves 9 de outubro o acto de presentación do proxecto de cooperación transnacional Espazos Efémeros – Espacios Efímeros, unha iniciativa que une a catro grupos de desenvolvemento rural de Galicia, Asturias e Portugal, co obxectivo común de activar o comercio local, apoiar o emprendemento e dinamizar culturalmente os territorios rurais.
O encontro reuniu a representantes institucionais, técnicos e empresariais, así como a produtores e creadoras participantes no primeiro Espazo Efémero que se celebra esta fin de semana en Gondomar, do 9 ao 12 de outubro.
A xornada comezou ás 12:30 horas co saúdo e benvida do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, quen destacou a importancia de proxectos coma este para “reactivar a vida económica e cultural dos concellos rurais e ofrecer novas oportunidades ao talento local”.
A continuación interveu Sandra González Álvarez, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, quen presentou oficialmente o proxecto e puxo en valor a súa dimensión interterritorial e cooperativa.
Na primeira mesa de debate, os equipos técnicos dos catro grupos de desenvolvemento rural participantes —Galicia Suroeste Eurural, Limia-Arnoia, ADRI Oriente de Asturias e a Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia (Portugal)— explicaron os obxectivos e metodoloxía do proxecto, así como as oportunidades que abre para o emprendemento e a visibilidade do produto e da cultura local.
A continuación tivo lugar unha mesa de debate sobre os GDR e a cooperación Leader, na que participaron representantes das xuntas directivas dos grupos cooperantes, que coincidiron en salientar a relevancia da colaboración interterritorial como ferramenta clave para a innovación e a cohesión social no medio rural. Na mesa, quedou de manifesto a necesidade de apostar pola continuidade dos GDR e do Programa Leader como vía principal para dinamizar e atraer inversións e poboación ao rural. As intervencións estiveron centradas na preocupación ante os pasos que se están a dar en Europa, no marco do deseño e debate sobre o vindeiro período comunitario 2028-2034 e os recortes na Policita Agracia Común e no desenvolvemento rural.
En nome das empresas e persoas emprendedoras que ocuparán o espazo de Gondomar durantes estes días, tomaron a palabra Fátima Beamonte, ceramista afincada en Sabarís coa súa marca Luckys Bake´s Ceramic, e Salvador Martínez, de Mirabel do Rosal, quenes compartiron a súa experiencia e subliñaron o valor que este tipo de iniciativas teñen para dar visibilidade ás pequenas empresas que están iniciando a súa actividade e queren asentarse en pequenas vilas como a de Gondomar.
O peche institucional correu a cargo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que destacou o papel da cooperación e do programa LEADER como motor de desenvolvemento nos territorios e a capacidade que teñen para ser dinamizadores e canles de comunicación entre a veciñanza e as administracións.
O acto rematou cunha foto de familia e unha degustación de produtos locais, simbolizando o espírito de colaboración, identidade e orgullo territorial que caracteriza o proxecto.
Espazos Efémeros é un proxecto de cooperación transnacional promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eurural (coordinador), Limia-Arnoia, ADRI Oriente de Asturias e pola Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia en Portugal.
A través da creación de espazos temporais de dinamización comercial e cultural, o proxecto busca revitalizar o comercio de proximidade, apoiar novos emprendementos, fomentar a creatividade e reforzar o vínculo entre identidade territorial e produto local. Estes espazos efémeros funcionan como puntos de encontro entre produtores, artesáns, artistas, veciñanza e visitantes, combinando venda directa, talleres, música e actividades divulgativas.
Financiado con fondos LEADER a través da PEPAC 2023-2027, Espazos Efémeros representa un exemplo de cooperación efectiva e equilibrada entre territorios rurais de Galicia, Asturias e Portugal, aliñándose cos obxectivos europeos de sustentabilidade, innovación e cohesión territorial.
O primeiro dos espazos efémeros desenvolvese esta fin de semana en Gondomar, na Rúa Elduayen, no centro da vila, e contunarán a desenvolverse nos territorios dos demais socios do proxecto, estando xa en axenda o primeiro dos Espazos en Asturias para o vindeiro mes de decembro. Xa para o vindeiro ano, realizaránse na provincia de Ourense, novamene en Asturias e no GDR da zona centro de Portugal.