Galicia Suroeste lanza o seu primeiro Espazo Efémero para impulsar o talento local e atraer visitantes a Gondomar.
Gondomar prepárase para acoller o primeiro Espazo Efémero da rede de espazos de colaboración que se xerarán a través deste Proxecto de Cooperación Leader, liderado polo GDR Galicia Suroeste. A inscrición de participación xa está abertas.
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, en colaboración co Concello de Gondomar, abre o prazo de inscrición para participar no seu primeiro Espazo Efémero, unha experiencia única que terá lugar entre os días 9 e 12 de outubro de 2025 nun espazo singular do municipio, acondicionado especialmente para converterse nun escaparate de creatividade, emprendemento e cultura.
Durante catro días, Gondomar transformarase nun punto de encontro para emprendedores, artesáns, produtores locais e visitantes, nun espazo efémero que mesturará o mellor do comercio de proximidade cunha vibrante programación cultural, musical, artística e gastronómica. Un evento pensado para activar o territorio, conectar talento e atraer público de toda a contorna.
Todas aquelas persoas que teñan un proxecto que queiran dar a coñecer, esta é súa oportunidade. Para solicitar un posto no Espazo Efémero só teñan que enviar a súa proposta ao correo electrónico info@eurural.gal ,incluíndo unha memoria da actividade a desenvolver e unha declaración responsable. Estes documentos tipo están xa dispoñibles na web de Galicia Suroeste, https://galiciasuroeste.gal/proxectos/espazos-efemeros
O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de setembro e serán seleccionadas ata un máximo de 15 propostas, segundo criterios de calidade, sustentabilidade, orixinalidade e vinculación co territorio de Galicia Suroeste.
Este proxecto forma parte dunha iniciativa de Cooperación Leader Transnacional entre Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, Asturias e Portugal. Nace co obxectivo de revitalizar o tecido económico a través do comercio local, impulsar novas ideas de negocio e crear espazos de encontro e inspiración.
Está co-financiado con Fondos da Unión Europea - FEADER, a través da liña de Cooperación Leader, e conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca. A nivel rexional co-financian a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Principado de Asturias.
Os Grupos de Desenvolvemento Rural que forman parte do proxecto son O GDR Galicia Suroeste Eurural, que lidera a iniciativa, o GDR Limia-Arnoia da provincia de Ourense, o GDR Leader Oriente de Asturias, e o GDR da Rexión de Saloia, na zona centro de Portugal, próximo á cidade de Lisboa. Grazas a esta colaboración, preténdese crear un modelo innovador de dinamización comercial e cultural que poda ser replicado no tempo e transferido a calquera outro territorio rural para a súa implementación.