Presentación da segunda edición do proxecto de cooperación Leader “Espazos Efémeros” en Tui
O talento, os produtos e as persoas que dan vida ao rural protagonizaron esta tarde en Tui a presentación da segunda edición de Espazos Efémeros, un proxecto de cooperación Leader que busca fortalecer o emprendemento local, impulsar a comercialización de produtos de proximidade e achegar á cidadanía o valor económico, social e cultural do rural.
O acto celebrouse no edificio municipal da Praza da Inmaculada e reuniu representantes institucionais, equipos técnicos dos grupos de desenvolvemento rural participantes e as empresas expositoras do primeiro Espazo Efémero desta nova edición, que abriu as súas portas esta mesma tarde na cidade tudense.
A presentación contou coa asistencia de alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio de Galicia Suroeste, ademais de representantes dos tres grupos de desenvolvemento rural que integran o proxecto: Galicia Suroeste, Limia-Arnoia e Ulla-Tambre-Mandeo. A cita serviu para poñer de manifesto o compromiso compartido das administracións locais e do tecido emprendedor coa dinamización económica e social dos territorios rurais.
A concelleira de Comercio e Turismo de Tui, Ana María Núñez, foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, mentres que o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a importancia de impulsar iniciativas que contribúan a dinamizar a economía local, xerar oportunidades no rural e poñer en valor os recursos propios do territorio. Tamén participou Susana Rodríguez, vicepresidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste e representante da Mesa da Muller do GDR coordinador do proxecto.
Durante o encontro, o persoal técnico dos tres grupos de desenvolvemento rural presentaron os obxectivos, actividades e liñas de actuación desta segunda edición de Espazos Efémeros. A visión das empresas participantes chegou da man de Alba Broullón, de Floresta Flores, quen interveu en representación dos expositores presentes no Espazo Efémero de Tui e puxo en valor o papel destas iniciativas para dar a coñecer proxectos emprendedores, ampliar a súa visibilidade e facilitar o contacto directo coa clientela.
Espazos Efémeros propón un modelo de dinamización que combina promoción, comercialización e experiencia. A través destes espazos temporais, persoas produtoras, artesás e emprendedoras teñen a oportunidade de presentar os seus produtos, compartir o seu traballo e abrir novas oportunidades de negocio, favorecendo ao mesmo tempo a sensibilización da cidadanía sobre o valor do consumo de proximidade.
O proxecto procura tamén fortalecer a conexión entre actividade económica, cultura e identidade territorial. Dar visibilidade ás persoas que están detrás de cada iniciativa, explicar os seus procesos de produción e poñer en valor a súa contribución ao desenvolvemento local permite reforzar o papel das pequenas empresas e do comercio de proximidade como elementos clave para a vitalidade do rural.
A cooperación entre os GDR Galicia Suroeste, Limia-Arnoia e Ulla-Tambre-Mandeo facilita o intercambio de experiencias, a creación de sinerxías e a ampliación da proxección das iniciativas participantes, consolidando unha rede de colaboración orientada a xerar novas oportunidades vinculadas ao territorio e a fortalecer o desenvolvemento rural sostible.
O proxecto de cooperación Espazos Efémeros. Segunda Edición desenvólvese no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 e está financiado a través da intervención Leader. Conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea, contribuíndo á dinamización económica, á promoción do emprendemento e á valorización dos recursos locais nos territorios rurais participantes.
A tenente de alcalde de Tui, Ana María Núñez, foi a encargada de pechar o acto institucional, que concluíu cunha fotografía de familia e unha degustación de produtos locais. Este espazo de convivencia e diálogo permitiu compartir impresións entre representantes institucionais, equipos técnicos e participantes, reflectindo o espírito colaborativo que define o proxecto.
Tras a presentación oficial, o Espazo Efémero de Tui abriu as súas portas ao público, ofrecendo a oportunidade de coñecer de preto os proxectos participantes, descubrir novos produtos, asistir a talleres e obradoiros e desfrutar dunha programación cultural e musical. O espazo permanecerá aberto ata o día 12 de outubro ás 21.00 horas, cando dará paso á seguinte cita desta segunda edición, prevista para a primavera de 2027 en Allariz.