Nace “Ruralmente”, un proxecto liderado por Galicia Suroeste que facilitará o intercambio de coñecementos e a innovación entre diferentes rexións.
Galicia Suroeste recibiu a pasada semana a resolución de concesión de axuda para por en marcha o proxecto “Ruralmente”, que contará cunha financiación procedente do Feader de máis de 200.000,00 €.
O proxecto, xerado a través dunha agrupación da que forman parte o GDR Galicia Suroeste como coordinador, o GDR Limia – Arnoia da provincia de Ourense, e o GDR Valle del Ambroz de Cáceres, acadou a sexta mellor puntuación de entre 38 candidaturas presentadas.
A execución do proxecto comezará o vindeiro mes de xuño e terá unha duración de aproximadamente 15 meses.
Ruralmente ten por obxectivo a organización de diversos eventos en formato de xornadas técnicas, seminarios e xornadas de campo para a divulgación de coñecemento tecnolóxicos e de xestión das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP).
Cada un dos GDR centrará a súa divulgación, formación, información e asesoramento técnico sobre un produto concreto, de gran importancia para o desenvolvemento do seu territorio. Desta forma, serán combinadas diversas actividades nas que se realizarán intercambios de coñecementos e se porá en valor o produto seleccionado por cada GDR.
Galicia Suroeste centrará os seus esforzos en dar un pulo á IXP do Pan do Porriño, aproveitando os coñecementos dos outros territorios que xa contan con IXP declaradas, como Pataca de Galicia no caso do GDR Limia – Arnoia e Pimentón de la Vera no caso do GDR del Valle del Ambroz.
O GDR Límia – Arnoia terá por obxecto incrementar a produción e o número de entidades produtoras dentro da IXP Pataca de Galicia, e o GDR Valle del Ambroz, cunha IXP consolidada con un importante volume de produción. traballará na aplicación e utilización do Pimentón de la Vera en embutidos de porco ibérico.
Todas as actividades buscan contribuír a mellorar a competitividade dos territorios, a sostibilidade, a innovación, a aposta pola calidade, e axudar a incrementar a base de coñecemento dos colectivos concretos aos que van dirixidas as accións, que serán produtoras, transformadoras e elaboradoras de produtos agroalimentarios do máis alto nivel, e que poñen a cada un dos territorios no mapa dos mellores produtos de España, polas súas singularidades e as distincións das rexións xeográficas nas que se producen e elaboran.
Os obxectivos específicos do proxecto e que serán perseguidos polas tres entidades da agrupación serán:
• Poñer en valor e reivindicar as actividades e os produtos do ámbito territorial de actuación de cada unha das entidades que compoñen Ruralmente.
• Traballar para que os produtores e produtoras dos tres territorios aposten por quedarse no rural comercializando directamente o que producen e coidando do territorio, aproveitando así os recursos locais como camiño para manter o rural vivo.
• Promocionar ás empresas do territorio demostrando a calidade dos seus produtos e acadar que estas empresas ampárense baixo un selo de calidade, impulsando a adscrición a certificados de calidade de produtores e produtoras locais.
Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro das Intervencións supra autonómicas do Plan Nacional da Política Agrícola Común 2023 – 2027, a entidade avanzan para poñer en valor os produtos locais de calidade, e afianza colaboracións con outras entidades, unindo capacidades e obxectivos estratéxicos para dar lugar a simbioses de gran interese para facer do territorio un espazo vivo e económica, ambiental e socialmente sostible.
