Gondomar acolle a primeira edición de Espazos Efémeros, un encontro de artesanía, música e innovación rural organizado por Galicia Suroeste
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, en colaboración co Concello de Gondomar abrirán o primeiro Espazo Efémero do proxecto de cooperación transnacional Leader, que servirá de piloto para que outros territorios podan por en marcha iniciativas similares que buscan ser lugares de encontro, de posta en valor do talento local e de dinamización económica, cultural e artísticas.
A inauguración oficial celebrarase o xoves 9 de outubro ás 18:00 horas, nun local acondicionado especialmente para acoller o evento, na rúa Elduayen. A apertura contará coa presenza de representantes institucionais dos catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) socios do proxecto, autoridades municipais, provinciais, autonómicas e nacionais, e estará amenizado coa actuación musical de Beatriz Míguez, vocalista de Vatapá e a pianista Alicia Cerrada.
O espazo nace para ser un escaparate de talento local que poderá ser desfrutado ata o domingo día 12. Serán quince postos de venda de artesanía, xoiería, moda, produtos agroalimentarios e propostas creativas os que se darán cita neste espazo, ofrecendo unha experiencia única para a veciñanza e persoas visitantes. O público poderá descubrir meles do país, viños de autor, xoiaría contemporánea, cerámica, arranxos florais, roupa de autor e doces sen glute, entre outras propostas singulares.
Ademais da venda directa, cada xornada incluirá obradoiros demostrativos e concertos en directo, combinando tradición e innovación:
● O venres, a xoieira areladefe achegará técnicas de creación contemporánea, mentres Floresta Flores mostrará a arte dos arranxos florais e o cultivo. A música chegará da man de Su Garrido Pombo.
● O sábado haberá demostración de torno cerámico con Lucky’s Bakes Ceramic, unha sesión vermú con Sergio Tannus e Marta Bravo, co seu dúo Elos, e degustacións arredor do mirabel e do viño do Rosal.
● O domingo, último día, será a quenda do obradoiro de apicultura con Meleiras do Suído e creación de chaveiros para crianzas con Isa y Loles artesanía durante a mañán, concerto de Almaia (Judith Almeida e Xan Campos) na sesión vermú para continuar con obradoiro de cestería tradicional de follato de millo impartido por Esther Rodríguez e demostración de prensado de flores a cargo de Ana Belén Jarrín na sesión de tarde.
O peche oficial terá lugar o domingo ás 18:30 horas coa intervención do alcalde de Gondomar Paco Ferreira.
Espazos Efémeros é un proxecto de cooperación Leader transnacional impulsado polos GDR Galicia Suroeste Eurural, Limia-Arnoia, a Asociación para o Desenvolvemento Integral do Oriente de Asturias e a Asociación para o Desenvolvemento Sustentable da Rexión Saloia en Portugal.
A iniciativa nace coa vontade de revitalizar o pequeno comercio rural, apoiar o emprendemento creativo e reforzar a identidade cultural dos territorios, ofrecendo espazos temporais de encontro entre produtores, artistas, veciñanza e visitantes. Estes mercados efémeros teñen como sinais de identidade a sostibilidade, o orgullo local, a inclusión, a música e a artesanía.
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos Feader da PE PAC 2023–2027, e conta coa colaboración do Concello de Gondomar na súa postaen marcha.