“Espazos Efémeros”: un proxecto singular para revitalizar o comercio local e a creatividade no rural”.


Gondomar acollerá a presentación do proxecto de cooperación Leader “Espazos Efémeros” o vindeiro mes de outubro.

O proxecto “Espazos Efémeros” nace como unha iniciativa de cooperación transnacional que une aos Grupos de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eurural (coordinador do proxecto), Limia-Arnoia, Leader Oriente de Asturias e a Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia. Conta cun orzamento global de máis de 137.000 euros, financiado polo FEADER, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias a través do Programe Leader 2023-2027.

A iniciativa ten como obxectivo común impulsar novas dinámicas de mercado, apoiar o emprendemento e poñer en valor o produto local mediante a creación de espazos temporais de activación comercial e cultural.Filosofía e obxectivos

“Espazos Efémeros” responde ao reto do debilitamento progresivo do pequeno comercio rural cunha aposta pola sostibilidade, a innovación, a inclusión e a experimentación. A súa filosofía baséase en:

●      Dar visibilidade a produtores locais, artesáns, artistas e emprendedores emerxentes.

●      Promover o relevo xeracional e a creación de oportunidades para a mocidade e as mulleres.

●      Crear espazos de encontro que combinen mercado, cultura e participación cidadá.

●      Converter o comercio de proximidade nun eixo de orgullo local e identidade territorial.

Presentación oficial en Gondomar

A presentación oficial do proxecto terá lugar o 9 de outubro en Gondomar, no ámbito territorial do GDR Galicia Suroeste Eurural. O acto contará coa participación de representantes dos catro GDR socios, así como con autoridades municipais e provinciais. Servirá para dar a coñecer publicamente os obxectivos do proxecto, presentar aos socios participantes, publicitar a marca conxunta xerada para os espazos efémeros que traballarán en rede, coa finalidade de acadar un modelo replicable no tempo e noutros territorios rurais, e marcar a folla de ruta das accións comúns.

Primeira experiencia de Espazo Efémero

Ese mesmo día, pola tarde, abrirá as portas o primeiro mercado efémero, que se celebrará nun antigo edificio do casco vello de Gondomar especialmente acondicionado para a ocasión. Este espazo, transformado para a cita, converterase nun escaparate da creatividade local e un punto de encontro entre produtores, cidadanía e visitantes.

A primeira experiencia incluirá programación cultural, música en vivo, obradoiros creativos e venda directa de produto local, combinando tradición e innovación. O evento servirá como referente metodolóxico para o resto de territorios, aplicando criterios de sostibilidade e participación que logo se replicarán noutras vilas de Galicia, Asturias e Portugal. Ademais, permitirá testar novas fórmulas de comercialización, dar visibilidade a proxectos emerxentes e reforzar o vínculo entre comunidade e mercado.

FOTO_NOTA_ESPAZOSEFEMEROS

Novas relacionadas

Ver todas