A Asociación Partnerïba Daugavkrasts de Letonia selecciona o traballo de Galicia Suroeste como caso de éxito de Desenvolvemento Rural para o seu proceso de aprendizaxe
Galicia Suroeste acolleu nos pasados días unha delegación de oito persoas procedentes da Asociación de Desenvolvemento Rural Partnerïba Daugavkrasts, con sede na cidade de Ķekavas, territorio localizado ao sur de Riga.
A delegación, beneficiaria dun proxecto Erasmus + para o aprendizaxe permanente de persoas adultas, seleccionou como entidade colaboradora para acoller o intercambio á Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste pola súa dilatada experiencia en cooperación transnacional, así como pola calidade dos proxectos Leader financiados nos últimos anos e por ser referente en proxecto desenvolvidos por comunidades para a propia poboación local.
Durante a súa estancia, o grupo asentouse no “Hotel Amoriño”, iniciativa turística consistente nun aloxamento rural con encanto, e actividades complementarias na parroquia de San Bartolomé de Rebordáns (Tui), nun enclave patrimonial e natural de gran atractivo e que contou con financiada da Medida Leader no pasado ano para a súa posta en funcionamento.
Na primeira das xornadas, o grupo percorreu varios concellos do Baixo Miño, iniciando a mañá na casa do Concello de Tui, cunha recepción oficial a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira Ana Maria Álvarez. Tamén deu a benvida á expedición en nome da directiva a Vice Presidenta de Galicia Suroeste Eurural, Susana Rodríguez, da Asociación Acadar.
A continuación puideron coñecer o caso de éxito dunha das empresas máis recoñecidas do Camiño de Santiago, “Ideas Peregrinas”, para rematar a mañá cun percorrido en barco polo Río Miño da man da actividade turística “Río Miño en Barco”, proxecto financiado tamén pola iniciativa Leader, consistente na oferta dunha actividade turística complementaria con grande éxito de acollida desde a súa posta en marcha.
Puideron degustar produto local en Casa Telleiro en Tomiño, e degustar os nosos viños cunha visita á Adega Terras Gauda.
Durante a xornada da tarde, asistiron a un encontro coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández para coñecer de primeira man a posta en marcha da Oficina de Transformación Comunitaria, estando tamén presente un equipo da Universidade de Vigo que lidera o proxecto EC4RURAL Project, centrado na creación de comunidades enerxéticas a nivel local. Foi tanto o interese suscitado por esta temática, que a delegación solicitou acompañar a alcaldesa a unha reunión informativa na parroquia de San Miguel de Tabagón organizada polo concello para o final da tarde, para así coñecer as impresións dos veciños e veciñas neste novidoso proxecto.
Na segunda xornada, o grupo desprazouse ata o Concello de Mos, onde foi recibido na Axencia de Colocación pola alcaldesa e Senadora Nidia Arévalo e polas concelleiras Julia Loureiro, directiva de GDR e Sara Cebreiro.
Neste encontro coñeceron o funcionamento da Axencia así como do centro de formación e emprego mosense, para logo trasladarse ata a sede da Comunidades de Montes en Man Común de Tameiga para coñecer o funcionamento da Comunidade e os proxectos que teñen posto en marcha para o coidado do monte e a prestación de servizos á parroquia. Coñeceron unha comunidade enerxética en funcionamento e tamén o funcionamento da entidade, onde no momento da visita se estaba a desenvolver unha actividade cultural para nenos e nenas dos centros educativos locais. A reunión de traballo contou coa participación do presidente de Tameiga e de varios membros da xunta reitora así como persoal técnico.
Xa na xornada de tarde, visitaron a Comunidade de Montes de Torroso onde o seu presidente acompañou e explicou cada unha das partes que compoñen os servizos que a comunidade oferta, vinculados en gran medida neste caso co factor social e cultural, como o centro de día O Son do Regueiro que nese mesmo día celebraba o seu segundo aniversario, o conservatorio de música, a escola de música, o parque musical e o auditorio da comunidade.
No terceiro día de traballo, a delegación trasladouse á zona norte, sendo recibidos polo alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, na casa cultural de Pazos. Neste encontro amosaron especial interese polos proxectos postos en marcha a través da cooperación entre comunidades de Montes como a Senda do Barragán, e puideron realizar un pequeno percorrido pola propia senda, un paraxe único pola súa riqueza paisaxística e natural. Coñeceron novos proxectos que se están a poñer en marcha, como o itinerario de peregrinación do Camiño de Ignacio Taverneiro no que o Concello de Pazos está traballando xunto a outros concellos da contorna, para acadar o recoñecemento oficial de variante do Camiño de Santiago.
Logo desta reunión, mantiveron encontros con varias comunidades de montes de Fornelos de Montes, e da man da empresa de actividades de turismo activo Oitavén Life, coñeceron o territorio, realizaron pequenas actividades de turismo activo e puideron percorrer a explotación de vaca de carne de Albino en Fornelos.
Na últimas das xornadas, foi o Concello de Gondomar o que acolleu aos visitantes, realizando primeiramente unha visita de estudo á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso, e os seus proxectos de produción de seta, froito vermellos, bosque comestible e elaboración e comercialización de marmeladas e conservación de setas. Tamén coñeceron o proxecto O bosque da Lingua e o seu crowfunding.
Para rematar a estancia, foron recibidos polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira e os seus membros do equipo de goberno, Rocío Goberna e Brais Misa.
A responsable do grupo de desenvolvemento rural visitante, Aiga Smiltane agradeceu a acollida por parte de todas as persoas, servizos e entidades que nestes días lles dedicaron unha pequena parte da súa xornada para poder aprender sobre o terreo dos proxectos executados e dos que se están a poñer en marcha en Galicia Suroeste, e levan como tarefa para implementar no seu territorio, acadar unha maior colaboración dentro das propias comunidades, tal e como puideron ver nesta visita así como da importancia e da efectividade da interrelación entre as comunidades e destas coas administracións publicas locais.
Para ambos grupos de desenvolvemento rural foron días intensos de actividade e aprendizaxe, e esperan que esta colaboración poda ter froitos futuros a través de proxectos de cooperación que melloren os seus territorios e sigan a tecer redes en Europa.
