Turismo ornitolóxico

  • Ocio
  • Produto
  • Territorio

Descubre a guía de turismo ornitolóxico de Galicia Suroeste. Visita os lugares do Xeodestino que destacan pola súa riqueza en especies ou pola presenza de aves que non son doadas de ver no resto do territorio.

Turismo ornitolóxico

A viaxe proposta comeza na Serra do Suído, baixa polo val do Louro, atravesa o Baixo Miño e remonta pola costa de Oia, Baiona e Nigrán até a Enseada de San Simón.

A nosa intención é que a visita destes lugares resulte proveitosa ofrecendo unha visión completa da avifauna e dos hábitats das aves de Galicia Suroeste, axudando a entender como se organizan no territorio.


Serra do Suído

A Serra do Suído forma parte da Dorsal Galega, unha cadea de serras que dividen o país de norte a sur. Os seus cumios sitúanse ao longo da divisoria entre as provincias de Pontevedra e Ourense, nos límites orientais dos concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo. O relevo, achairado nos planaltos por riba dos 800 m de altitude, vólvese fragoso nas encostas dos ríos e regatos. Nas chairas, lombeiros e cumios da Serra do Suído aínda se poden atopar exemplos senlleiros da paisaxe propia da montaña de Pontevedra. Unha paisaxe de cabalos ceibos e lobos caracterizada por unha vexetación na que se combinan os matos baixos de uces e toxo, con pasteiros naturais, brañas con mato higrófilo, e turbeiras (máis de 50 inventariadas nesta serra). Todos eles hábitats de interese europeo en recesión. O bosque caducifolio natural, representado polas carballeiras con acivro e arando, refuxiase nos fondos dos vales. Dende o punto de vista do lecer ornitolóxico as zonas máis interesantes localízanse nos altos da serra libres de desenvolvementos eólicos e na contorna das aldeas nas que aínda se traballa a terra.

A Laxe

Área recreativa de Campo Darriba. A Eiroa (A Laxe, Fornelos de Montes)
Coordenadas: 42º 20’ 41’’ N / 8º 22’ 03’’ O

Recoméndase realizar un pequeno percorrido de aproximación á serra, partindo do coto da Eiroa, un outeiro que domina o barrio da Eiroa, ao que se accede
facilmente dende a estrada pola súa banda norte. Despois de gozar das oportunidades de observación ornitolóxica que ofrece este outeiro, cruzaremos a estrada para tomar o camiño vello dos Chozos de Casariños. O camiño pasa polo miradoiro da Fervenza de Casariños, deixando a mallada de Campo Darriba uns 250 m cara ao sur. Se se desexa prolongar a visita, unha boa opción é continuar cara ao norte polo camiño que sae dos chozos en dirección ao Coto dos Ladróns até o primeiro golado.

Fraga do Barragán

Ponte de Pedra. (San Salvador de Xunqueiras, Pazos de Borbén)
Coordenadas: 42° 18’ 03” N / 8° 29’ 53” O

Recoméndase pasear polo carreiro que vai a carón do río até o encoro de Eiras, xa no río Oitavén. Transcorre á sombra dun bosque de ribeira mesturado con
carballos. Compre camiñar moi de vagar, atento aos cantos e chíos das aves, e de cando en vez deterse a inspeccionar as augas do río e as polas altas das árbores.



Val do Louro

O Río Louro recolle as augas dos regatos que nacen na Serra do Galleiro (752 m s.n.m.) levándoas en dirección sur até o Miño na altura de Tui. En conxunto, constitúe un ecosistema fluvial moi interesante e variado, aínda que con problemas serios de conservación. No seu tramo medio localízanse as Gándaras de Budiño, un conxunto de hábitats augacentos naturais e seminaturais con flora e fauna singular. Na súa desembocadura forma as gándaras de Guillarei, outra zona de hábitats enchoupados moi interesante para as aves. Encadrado entre a serra do Galiñeiro polo oeste, e a serra do Galleiro polo leste, o Val do Louro esténdese polos concellos de Mos, O Porriño e Tui, conformando unha bisbarra rural-industrial e mineira cunha alta densidade de poboación. Nas alturas das serras, por riba dos 500 m de altitude, reprodúcese a paisaxe gandeira de matogueira atlántica de uces e toxos con pasteiros e penedías propia da montaña do interior pontevedrés. O resto do territorio repártese entre plantacións forestais, de piñeiro ou de eucalipto, agras cultivadas, medios urbanos e desenvolvementos industriais e mineiros.

Alfacuca - Río Louro

Aldea Alfacuca. (San Salvador de Louredo, Mos)
Coordenadas: 42º 13’ 00’’ N / 8º 35’ 28’’ O

Alfacuca é un bo lugar no que deterse a descansar, especialmente cando se vai acompañado de crianzas. Paseando de vagar polos socalcos plantados de
carballos do recinto poden observar algunhas aves comúns, como o merlo, o ferreiro real, o pimpín e o paporrubio. A proposta principal neste punto é a observación de aves polo sendeiro que vai pola beira dereita do río Louro en dirección a Mos, camiñando moi a modo e permanecendo atentos aos chíos e cantos.

Faro de Budiño

Area recreativa do Faro de Budiño. (San Salvador de Budiño, O Porriño)
Coordenadas: 42° 07’ 43” N / 8° 35’ 06” O

Tal e como a súa denominación de Faro suxire, atopámonos nun lugar dende o que vixiar. A proposta sería, por tanto, a de situarse nos outeiros que permiten
abarcar a paisaxe da contorna e permanecer un tempo alí, mais ben prolongado, a vixiar os movementos das aves. Os miradoiros máis axeitados atópanse
nas bandas norte e oeste. Están conectados por unha rede de carreiriños que circundan o coto do Faro pola súa banda leste. A escolla dun ou doutro miradoiro dependerá do momento do día pois compre ter o sol nas costas.



Baixo Miño

O Baixo Miño é un gran espazo natural transfronteirizo, formado por un conxunto de áreas protexidas da Rede Natura 2000 distribuídas na beira galega e na beira portuguesa. É unha das principais localidades de migración e invernada de aves acuáticas da costa atlántica Ibérica. No Suroeste de Pontevedra esténdese pola totalidade da ribeira dos catro concellos miñotos: Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

Ribeira de Paramos

Os Campos. (Páramos, Tui)
Coordenadas: 42° 03’ 22” N / 8° 36’ 11” O

A pista que vai río arriba, pola senda Areeiros-Penedo é agradable de camiñar e permite explorar o arboredo da ribeira e as carballeiras con freixos dos bancos fluviais. A cobertura da vexetación da ribeira é considerable polo que compre aproveitar os ocos na espesura para ollar o río e as illas da beira portuguesa.

As Areíñas de Goián

As Areíñas. (Goián, Tomiño)
Coordenadas: 41° 55’ 59” N / 8° 45’ 48” O

Sae do aparcamento río abaixo, abeirada á ribeira fluvial, unha senda peonil con treitos de pasarela de madeira moi agradable de camiñar. Cruza bosques naturais, campos cultivados, pasteiros e mesmo un paseo de cerdeiras. Unha camiñada de vagar por este sendeiro permite observar a illa Morraceira e, máis
ao lonxe, na banda de Portugal, a beira norte da illa Bohega, circundada por acacias negras.

Observatorio da Canosa

A Canosa. (San Miguel de Tabagón, O Rosal)
Coordenadas: 41° 55’ 00” N / 8° 48’ 36” O

O observatorio proporciona unha boa visión do gran pasteiro que ocupa a metade oriental da illa Morraceira das Varandas e mais da estreita canle que separa a illa da ribeira. Ademais de permanecer no observatorio o tempo necesario para que vaian aparecendo as especies que viven nesta ribeira, é moi recomendable achegarse ao sobreiral de Eiras facendo uso das pistas e camiños que van pola beira do río.

O Codesal

O Codesal. (Camposancos, A Guarda)
Coordenadas: 41° 53’ 02” N / 8° 51’ 25” O

Punto óptimo para a observación, a distancias relativamente curtas, tanto na baixamar como na pleamar, da meirande parte das aves acuáticas do Baixo
Miño. Na baixamar as aves distribúense polo intermareal diante das praias; na preamar concéntranse nos illotes e baixos da Punta Codesal. Nos períodos máis favorables (inverno e pasos migratorios) este punto garante a observación dunha gran variedade de especies. Recoméndase igualmente achegarse a pé até a desembocadura do Miño (a 2000 m de distancia) ou, cando menos, até a praia do Muíño.



Costa de Oia

Entre o cabo Silleiro e o Miño, por territorios administrados polos concellos de Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda, esténdese ao pe da Serra da Groba un treito de costa rectilínea de 30 km de lonxitude. Trátase dunha costa baixa, rochosa, e moi exposta a acción do océano, na que os lugares de abrigo son escasos. Cara a terra os rochedos da beiramar dan paso a unha estreita chaira litoral cuberta por mato baixo e pasteiros con valos de pedra. Neste treito litoral seleccionáronse dous puntos principais complementarios centrados na observación das aves mariñas que viaxan polo Corredor Migratorio do Atlántico Oriental.

Miradoiro da Pedra Rubia

As Mariñas. (Mougás, Oia)
Coordenadas: 42° 04’ 11” N / 8° 53’ 34” O

Este é un lugar no que botar tempo ollando cara ao mar. É recomendable realizar a visita polo serán en días nos que as condicións de vento e mar sexan
favorables; son preferibles os ventos moderados, do norte en outono e do sur na primavera. No caso de dispor de telescopio tamén pode ser interesante achegarse ao Miradoiro de Aguncheiro, situado 2200 m cara ao sur nun pequeno outeiro de 30 m de altitude.

Cabo Silleiro

Cabo Silleiro. (Baredo, Baiona)
Coordenadas: 42°06’34”N / -08°53’59”W

Cabo Silleiro é un dos principais puntos de observación do paso das aves mariñas que migran ao longo da costa atlántica europea polo Corredor Migratorio
do Atlántico Oriental. No paso de primavera (marzo, abril, maio) o movemento é cara ao norte, cara ás colonias de cría mentres que no paso de outono (agosto, setembro, outubro) as aves circulan en sentido contrario, cara ás localidades de invernada. É recomendable realizar a visita polo serán en días nos que as condicións de vento e mar sexan favorables; son preferibles os ventos moderados, do norte en outono e do sur na primavera. Do recinto do faro sae cara ao sur un carreiro que permite percorrer a matogueira da banda litoral ao longo dalgúns centos de metros.



Enseada de Baiona

Entre o cabo Silleiro e Monteferro localízase a Enseada de Baiona, unha pequena badía semicircular de 3 km de diámetro na que desemboca o río Miñor. O esteiro do río Miñor é un espazo da Rede Natura 2000 catalogado como Zona de Especial Conservación. Aquí atopan refuxio e posibilidades de alimentación e descanso numerosas especies de aves acuáticas.

Xunqueira de Borreiros

A Xunqueira. (San Martiño de Borreiros, Gondomar)
Coordenadas: 42° 06’ 48” N / 8° 48’ 00” O

Recoméndase planificar unha visita prolongada e instalarse comodamente no observatorio, atentos ás aves da xunqueira e do río. A ponte do Miñor, na mesma estrada, é un bo punto de observación complementario ao observatorio. A estradiña que sae diante da Capela da Virxe da Luz cara a Burgovedro permite inspeccionar a chaira de prados e pasteiros augacentos da banda sur da xunqueira.

O Carregal

O Carregal. (San Fiz de Nigrán, Nigrán)
Coordenadas: 42º 08’ 12” N / 8º 49’ 00” O

A visita a este ecosistema realízase pola beirarrúa da avenida aproveitando os treitos de pasarela que se achegan ao río. É recomendable completar a visita cunha camiñada de vagar pola pista que remonta a beira dereita do río Muíño ao longo dos seus primeiros 700 m.



Enseada de San Simón

A Enseada de San Simón é un espazo da Rede Natura 2000 catalogado como Zona de Especial de Conservación (ZEC ES1140016). Trátase dunha enseada de augas calmas e pouco profundas que ocupa o fondo da Ría de Vigo, nas ribeiras dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa. Nela mestúranse augas mariñas e augas fluviais, co río Verdugo como principal corrente de auga doce. Extensión considerable de hábitats intermareais de alto valor ornitolóxico, en particular bancos de area, xunqueiras e chairas lamacentas. Estas últimas adoitan estar cubertas por pradeiras de ceba, unhas plantas (xénero Zostera) que viven somerxidas e que conforman un hábitat de alimentación de valor extraordinario para as aves acuáticas. As pradeiras de ceba son criadeiros naturais de peixes e invertebrados mariños. A Enseada de San Simón é unha das principais localidades de descanso e alimentación para as aves acuáticas migradoras e invernantes do litoral atlántico da Península Ibérica, con poboacións numerosas de anátidas e limícolas.

A Portela

A Portela. (Cedeira, Redondela)
Coordenadas: 42º 17’ 13” N / 8º 37’ 18” O

Recoméndase percorrer de vagar o paseo da Portela, facendo paradas frecuentes para observar as aves do esteiro. O paseo pódese prolongar cara á Punta do Socorro. O peirao da Portela é un punto de observación privilexiado con vistas ás augas libres do Suroeste da Enseada de San Simón.

Porto de Arcade

Arcade. (Soutomaior)
Coordenadas: 42º 20’ 26 ”N / 8º 36’ 52” O

Aínda que a observación das augas da enseada dende o porto de Arcade é interesante, especialmente na baixamar, recoméndase vivamente continuar a visita camiñando polo paseo da beira do esteiro, en dirección norte, cara á Ponte Sampaio.



Proxectos relacionados

Club de produto

IMG-20260623-WA0000
  • Produto
  • Territorio
  • Turismo

Un mecanismo de colaboración que aglutina empresas, organizacións e institucións da cadea de valor turística e do sector primario para facilitar a comercialización de experiencias turísticas, potenciar unha oferta conxunta e mellora a visibilidade dos produtos e servizos do territorio.

Saber máis

Ruralmente

GSO003_RURAL-web1.2b
  • Ocio
  • Produto
  • Territorio

Unimos forzas para impulsar e dar visibilidade ao produto local cunha mirada posta na innovación, a calidade e o recoñecemento DOP/IXP. Formación, información e desenvolvemento ao servizo do noso territorio.

Saber máis

Festas Sostibles

Proxecto-FestasSostibles-op
  • Compromiso
  • Produto
  • Territorio

No noso compromiso coa sustentabilidade, poñemos en marcha prácticas responsables co medio ambiente, a economía local e a sociedade na organización de eventos gastronómicos.

Saber máis

Parte de ti

Cartel CAMPAÑA 2026 HORIZONTAL (1) (1) (1)
  • Persoas
  • Produto
  • Territorio

Mostramos proxectos moi interesantes que tes ao teu carón de concellos como A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño ou Tui.

Saber máis

Eureka

Eureka
  • Familias
  • Ocio
  • Territorio

Xogo dixital de escapismo ao aire libre no Xeodestino Galicia Suroeste! Mergúllate nunha emocionante aventura chea de enigmas en plena natureza, con divertidas probas deseñadas para gozar en familia.

Saber máis

Foro da Muller Rural Galega

Proxecto-ForodaMuller
  • Divulgación
  • Persoas
  • Territorio

Iniciativa que xurde desde a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no ano 2021 e que se celebrou por primeira vez en Tui o 15 de outubro, día no que se conmemora o Día da Muller Rural.

Saber máis

Escola Eu Rural

ProyectoHorizontal-op
  • Formación
  • Recursos

A ESCOLA EU RURAL é un instrumento do GDR concibido para ofrecer formación e información á poboación en xeral e ás persoas traballadoras e colectivos sociais implicados no medio rural.

Saber máis

Creando Rural

Proxecto-CreandoRural-op
  • Divulgación
  • Familias
  • Infantil

O proxecto busca divulgar dun xeito diferente e creativo coñecementos vinculados ao desenvolvemento sostible do rural implicando a un novo colectivo do territorio: os nenos e nenas da contorna.

Saber máis

O teu Xacobeo

Proxecto-TeuXacobeo-op
  • Divulgación
  • Ocio
  • Produto

O proxecto xera experiencias positivas a través da música, organizando actuacións de grupos locais, en espazos emblemáticos do noso territorio, que están chamadas a ser un lugar de encontro e desfrute para a poboación local e para as persoas que visitan Galicia Suroeste para percorrer o Camiño de Santiago.

Saber máis