As rutas de Galicia Suroeste
Fornelos de Montes
Fornelos de Montes pertence á comarca de Vigo, no centro-leste da provincia de Pontevedra. Está formado por sete parroquias e vinte e catro núcleos de poboación. A súa grande riqueza natural está protagonizada pola Serra do Suído e polos ríos que dela descenden, nacidos a máis de mil metros de altitude: os do leste entre o Coto Minuto e o Outeiro Vello, e os do oeste na Pena Aranda e no Coto do Corno.
Ruta
Esta ruta circular comeza no centro de Fornelos de Montes, dirixíndose cara ao encoro de Eiras; a superficie ocupada polo encoro esténdese por 149 hectáreas e abrangue parte dos concellos de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. Na primeira parte do percorrido crúzase un pequeno regato e un muíño de auga, así como a contorna da granxa-escola “O Kiriko”.
Tras atravesar a estrada PO-250, a ruta percorre unha península tranquila rodeada de auga. A subida máis esixente conduce ao porto de montaña das Estacas, onde, unha vez alcanzado, comeza o seguinte tramo de ascenso con vistas panorámicas e campos de cultivo, coma os da Airoa.
Continúa pola estrada cara a O Cruceiro (Verducido), atravesando a Reserva Natural da Laxe, coa súa peculiar escultura do lobo. Finalmente, descende ata a praia fluvial do río Oitavén, desde onde se afronta a parte final que regresa ao centro de Fornelos de Montes.
Unha ruta variada, con natureza, tradición e paisaxes únicas, poboadas de carballos centenarios e castiñeiros, así como dunha fauna moi diversa.
Pazos de Borbén
Esta ruta circular percorre todas as parroquias de Pazos de Borbén: Amoedo, Borbén, Cepeda, A Ermida, Moscoso, Nespereira, Pazos e Xunqueiras. A localización privilexiada deste territorio permite gozar tanto da proximidade do mar como da beleza natural das montañas galegas. Trátase dunha ruta que discorre maioritariamente por pistas e camiños anchos, atravesando pequenos núcleos rurais.
Ruta
Desde o centro urbano, xunto ao concello, o percorrido diríxese cara ao sur do municipio, onde destacan as panorámicas sobre as rías de Vigo e Pontevedra dende Nespereira, antes de iniciar unha esixente subida cara á Serra do Galleiro, un dos mellores miradoiros naturais da provincia de Pontevedra.
A ruta continúa cara ao norte, onde sobresaen lugares como a área recreativa e o miradoiro do Santo Aparecido e o lugar da Chan, moi preto do sendeiro da Fraga do río Barragán. Tras cruzar os núcleos de Fraga do Rei e Moscoso, iníciase un descenso cara A Ermida para realizar os últimos quilómetros percorrendo un tramo de gran beleza da senda da auga, que coincide no seu treito final co Camiño do Taverneiro ao seu paso por Pazos, o principal núcleo de poboación.
Ao longo de toda a ruta predominan as zonas de bosque e os sendeiros doados para rodar, así como diversos exemplos do importante patrimonio cultural, monumental e paisaxístico que se conserva. Por último, é importante destacar que existen varias versións deste percorrido, que permiten adaptar o trazado ao nivel de cada persoa usuaria, facendo máis curta e menos esixente a súa experiencia.
Soutomaior
Soutomaior é un paraíso dominado polos ríos Verdugo e Oitavén e polas súas montañas graníticas, cunha altitude que vai dos 57 metros ata case os 500 e unha diversidade que permite que o municipio e os seus viñedos conten cun microclima especial.
Ruta
A ruta circular comeza preto do concello de Soutomaior e discorre nun primeiro treito por unha fermosa zona xunto ao Verdugo. Máis adiante, afástase do río para subir suavemente á ermida da Peneda, un miradoiro natural sobre a ría de Vigo que permite contemplar a enseada de San Simón, a entrada da ría e parte das súas ribeiras, coas Illas Cíes ao fondo. Desde alí tamén se divisa o histórico Castelo de Soutomaior, a uns 2 km. Este alto marca a fronteira entre Redondela e Soutomaior.
Tras descender, tomamos unha pista forestal con vistas á ría e á ponte de Rande, ata chegar ao punto máis alto da ruta: o monte Espiño ou Galla de Monzón, cun punto xeodésico na súa cume. Desde alí, un descenso técnico lévanos ao Castelo de Soutomaior, xoia medieval do século XII cun xardín botánico recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional das Camelias.
A máis de 300 metros sobre o nivel do mar, esta fortaleza destaca pola súa beleza e excelente estado de conservación. Foi testemuña de batallas, intrigas, loitas de poder entre nobres, disputas familiares e visitas de figuras ilustres, vivindo épocas de esplendor e decadencia.
A ruta segue cara á famosa ponte colgante sobre o Verdugo. Esta estrutura suspendida a 6 metros do río foi paso obrigado para as persoas afeccionadas á pesca. O espazo está rodeado dunha densa vexetación de ribeira, meandros secos, unha pequena praia fluvial e, o máis sorprendente, a unión dos ríos Oitavén e Verdugo. Desde aquí, a ruta completa os seus últimos quilómetros ata o centro de Soutomaior.
Redondela
En Redondela chamaranos a atención os viadutos do ferrocarril, construídos entre as décadas de 1870 e 1880. Trátase dunha ruta circular que parte do edificio Multiusos no Paseo de Xunqueira.
Ruta
A ruta abandona o núcleo urbano pola senda do río Maceiras e enlaza, en sentido contrario, co Camiño Portugués da Costa a través dunha pista moi cómoda para pedalear e que ofrece unha fermosa panorámica da ría de Vigo. Déixase atrás o Camiño Portugués da Costa para ascender ao monte Penide e atravesar esta zona, que conta cun amplo merendeiro e permite visitar o Parque Arqueolóxico Monte Penide Prehistórico.
Desde aquí iníciase un descenso ata conectar coa Senda da Auga, un camiño auxiliar ao canal que transporta a auga desde o Encoro de Eiras, en Fornelos de Montes, para abastecer a cidade de Vigo. Ao tratarse dun camiño asociado a unha tubaxe de longo percorrido, presenta unha característica singular: case non ten pendente, o que facilita moito o pedaleo.
Tras cruzar o núcleo de Reboreda, a ruta volve conectar co centro urbano de Redondela para regresar ao punto de inicio na Xunqueira.
Mos
A ruta comeza no albergue dos peregrinos Santa Baía próximo ao fermoso Pazo dos Marqueses de Mos, construído no século XVII, e onde xa se atopa o escudo da Casa de Mos, que no século XIX deu orixe ao actual emblema municipal.
Ruta
Tomando a senda do río Louro, ideal para gozar dun agradable paseo, achegámonos á longa ascensión ao monte Galleiro, un dos picos máis esixentes da zona. A senda conta con varios paneis informativos nos que se nos explica a fauna e a flora do río Louro no seu paso por Mos.
Despois de coroar o Galleiro, descenderemos rapidamente ata os Valos para tomar un pequeno treito da senda da auga e bordear o aeroporto de Peinador. Sempre por sendeiros e camiños en lixeiro ascenso, pasaremos por Puxeiros e alcanzaremos o Parque Forestal de Tameiga, que conta cunha zona recreativa.
Desde aquí, a ruta enfoca un descenso final, atravesando varias parroquias do concello de Mos até chegar novamente ao Pazo de Mos.
O Porriño
Ruta circular desde o centro do Porriño con dous tramos ben diferenciados.
Ruta
A primeira metade, plana e sinxela, discorre xunto ao río Louro e polas Gándaras de Budiño. Trátase dun territorio plano aluvial que, pola súa proximidade ao Atlántico e a humidade característica desta localización, se converte nunha zona pantanosa de gran valor natural. Está catalogada como Zona de Especial
Protección dos Valores Naturais (ZEC Red Natura 2000) e tamén como Refuxio de Fauna.
Desde este punto da ruta, ascéndese ao Faro de Budiño, unha impresionante formación rochosa que se alza espectacularmente sobre os límites do Porriño e Salceda de Caselas. No alto das montañas, atópanse vestixios arqueolóxicos que evidencian a ocupación humana desde tempos remotos. As enormes paredes rochosas e as cavidades naturais ofrecían protección e refuxio, convertendo a zona nun lugar ideal para asentamentos humanos.
Desde alí, unha pista leva ás ruínas do Castelo de Cans, unha antiga fortaleza medieval que vixiaba o paso polo val desde a súa privilexiada posición a 358 metros sobre o nivel do mar. A panorámica desde o alto do monte ofrece vistas impresionantes do val do río Couso e do Val do Louro, revelando tamén a presenza de outras fortalezas antigas e desaparecidas na rexión.
Un rápido descenso completa o percorrido de volta ao punto de partida no entorno do Templete de San Luís.
Nigrán
Situado no corazón do Val Miñor, Nigrán conta cun patrimonio natural de alto valor ecolóxico, destacando o Ecosistema Dunar Praia América-Panxón ou o Espazo Natural de Ramallosa, cos acantilados de Monteferro ou as illas Estelas.
Ruta
Desde o Pavillón Municipal de Panxón, a ruta ofrece un primeiro tramo costeiro desde Nigrán até Santa María de Oia, pasando polo centro de Baiona. Praia América, Monte Lourido, Praia de Ladeira ou o Parador de Monte Real son algúns dos puntos de interese deste primeiro tramo, que transcorre en gran parte polo carril bici existente, así como por tramos do Camiño Portugués da Costa.
A segunda parte da ruta, desde Oia, percorre parte da Serra da Groba, gozando de varios miradoiros e atalaias que ofrecen marabillosas vistas do Baixo Miño e da ría de Vigo, así como de lugares de gran atractivo, como as pozas de Mougás, unha incrible sucesión de fervenzas e regatos que acaban formando un sistema de pozas idílicas grazas ás augas do río Peito e os seus afluentes.
Varias pistas forestais dos montes de Baredo permiten alcanzar de novo o núcleo urbano de Baiona para regresar a Panxón por toda a senda ciclable do litoral.
Gondomar
Con un grao de difi cultade moi alto, é unha ruta apta unicamente para persoas usuarias experimentadas e cunha preparación física elevada, aínda que o percorrido, previa planificación, permite segmentar a ruta en tramos máis curtos para facela accesible a outras persoas.
Ruta
Esta ruta propón o percorrido dun dos primeiros eventos da modalidade “gravel” organizados en Galicia, que discorre polos concellos de Gondomar, O Porriño, Tui, Tomiño e Oia. O punto de inicio sitúase no aparcadoiro do edifi cio da Policía Local de Gondomar. Descubriranse paraxes de alto valor natural como o Parque Natural do Monte Aloia, o Alto da Pedrada ou o Pozo do Arco, entre outros.
Fundamentalmente, o percorrido transcorre por estradas con intensidade media-baixa de tráfico, así como por pistas en bo estado que permiten avanzar cunha bicicleta “gravel” ou unha BTT convencional.
Baiona
Próximo á vila mariñeira de Baiona, xusto no aparcadoiro do Miradoiro Rompeolas, comeza esta ruta circular que na súa primeira parte ofrece un percorrido costeiro ata Santa María de Oia.
Ruta
Este percorrido aproveita o carril bici que discorre en paralelo á PO-552 entre Baiona e A Guarda e que permite disfrutar do paisaxe e as marabillosas vistas do océano Atlántico. Varios tramos serán compartidos co Camiño Portugués da Costa. Ademais, debemos destacar a presenza do faro de Cabo Silleiro, punto principal de orientación dos barcos que navegan estas augas e que foi rehabilitado como hotel en 2025, así como o Mosterio de Santa María de Oia (S. XII), declarado BIC, sendo o único mosterio cisterciense de Europa construído á beira do mar.
Desde este punto, a ruta continúa polo carril bici en dirección á Guarda ata desviarse para iniciar un ascenso cara aos montes de Oia atravesando as zonas de Pedornes, Viladesuso e Mougás. No propio Mougás poderemos visitar as súas pozas homónimas, unha incrible sucesión de fervenzas e regatos que acaban por formar un sistema de pozas idílico grazas ás augas do río Peito e os seus afluentes. Xa de regreso ao núcleo urbano de Baiona, a ruta fai un lazo pola Foz do Miñor, o estuario que forma o río Miñor na súa desembocadura entre os concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán. A protección natural da praia da Ladeira fai que este lugar sexa único para a habitabilidade de diferentes especies de flora e fauna que conforman un ecosistema de gran valor.
Oia
Oia conta cunha singular localización, enmarcada polos montes da Serra da Groba e unha rochosa franxa litoral pola que discorre a Costa dos Castros. O Mosteiro de Santa María (S. XII), declarado BIC, é o único mosterio cisterciense de Europa construído á beira do mar.
Ruta
Desde as proximidades do mercado municipal, a ruta ascende en dirección á Serra da Groba, un espazo natural que acolle a maior concentración de cabalos de raza galega en liberdade, así como unha das maiores concentracións de petróglifos de Galicia.
Neste tramo da ruta, pódese visitar a antiga Casa Forestal, rehabilitada en 2023 pola Comunidade de Montes de Santa María de Oia, que funciona como centro de interpretación. A ruta continúa por pistas forestais ata as inmediacións dos Muiños do Folón e do Picón, hoxe declarados Ben de Interese Cultural.
No seu tramo final, a ruta ascende a dous dos miradoiros naturais máis espectaculares do Baixo Miño, desde onde se pode contemplar a desembocadura
do río Miño: O Niño do Corvo e o Monte Santa Trega. A citania de Santa Trega está considerada un dos exemplos máis importantes de cultura castreña romana do Noroeste peninsular.
Os últimos quilómetros de regreso a Oia fanse a través do carril bici e varios tramos coincidentes co Camiño Portugués da Costa.
Tomiño
Na provincia de Pontevedra atopamos esta ruta circular que discorre polos concellos de Tomiño e do Rosal. Con saída e chegada no apacardoiro da rúa Daniel Calzado Poceiro de Tomiño, propón un percorrido que permite, previa reserva, visitar algunhas das principais adegas con experiencias de enoturismo da subzona do Rosal dentro da Ruta do Viño Rías Baixas.
Ruta
O cicloturista poderá gozar de dous tipos de paisaxes ben diferentes. A primeira zona discorre por camiños forestais entre viñedos, cunha excelente ciclabilidade e unha exixente subida por estrada ao miradoiro das Bodegas de Altos de Torona, dende onde se aprecia a extensión dos viñedos, o río Miño e o territorio transfronteirizo entre Galicia e Portugal.
A ruta continúa por pistas que levan ao miradoiro do Niño do Corvo, a 312 metros de altitude, cunha panorámica de 360 graos que permite distinguir algúns dos principais atractivos do sur de Galicia: o tramo fi nal do Miño, o val do Tamuxe no Rosal e as montañas que delimitan a rexión, tanto en Galicia como en Portugal. Despois do descenso cara aos viñedos de Terras Gauda, a ruta enlaza coa Senda dos Pescadores, parte da Rede Natura 2000, con ecosistemas de gran beleza formados por bosques de ribeira, canas, xunqueiras e piñeiros. A presenza de numerosas aves converte o lugar nun enclave ornitolóxico de interese, e o itinerario, cómodo e ben acondicionado, percorre a beira do Miño en dirección a Tomiño.
No tramo final destaca a Fortaleza de San Lourenzo en Goián, construída sobre un antigo baluarte ocupado por Portugal e coñecido como Fortín da Barca no século XVII, durante a guerra da Restauración portuguesa. Hoxe o Espazo Fortaleza conta con terrazas, parque infantil, bar, punto de información e unha praia fluvial, sendo un dos lugares máis visitados da beira galega do Miño.
Tui
Declarado Parque Natural en 1978, o primeiro de Galicia, o monte Aloia é unha auténtica atalaia a 700m de altura con cinco miradoiros e extraordinarias vistas sobre o río Miño. Integrado na Serra do Galiñeiro, o Monte Aloia ten uns 10 km de sendas nunha paisaxe singular.
Ruta
Esta ruta circular permite descubrir parte deste espazo natural visitando algúns dos seus recursos máis recoñecidos. Tras abandonar o centro urbano de Tui desde o novo mercado municipal, iníciase un ascenso continuo por pistas forestais e algún pequeno tramo de sendeiro que permite visitar a área recreativa da Macoca, Frinxo, a Capela de San Fins ata acadar a estrada de Prado na coñecida como “Pedra do Acordo”, un monolito de pedra que representa o marco
divisor dos concellos do Porriño, Tui e Gondomar. A roca é pentagonal e as súas cinco caras marcarían a posición das cinco parroquias que aquí coincidían: Rebordáns, Pazos de Reis, Malvas, Morgadáns e Chenlo.
A partir de aquí, a ruta descende suavemente cara a O Salgueirón, un miradoiro natural dende o que se contemplan as impresionantes vistas do Baixo Miño ata A Guarda. Conta cos restos dunha antiga caseta de vixilancia promovida polo ICONA, a antiga axencia estatal de loita contra os incendios. O percorrido continúa ata o centro de visitantes “Casa do Enxeñeiro Areses” onde atoparemos unha exposición permanente e ampla información sobre o Parque Natural a cargo de informadores.
Rafael Areses foi unha figura clave na recuperación forestal do monte a comezos do século XX. No seu tramo final ata regresar ao centro urbano, o cicloturista irá acompañado das augas do río Tripes, que nace no alto de San Xiao e pasa formando un val polas aldeas de Os Muíños, Circos e O Eirado antes de chegar a Tui e desembocar sobre o Miño.
Aloia - Trega
Esta ruta lineal une dous referentes do patrimonio natural e cultural do Baixo Miño: o Parque Natural do Monte Aloia e o Monte Santa Trega. O percorrido atravesa os concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. É unha ruta bidireccional con dous puntos de inicio: o Pavillón da Macoca, en Pazos de Reis, e o Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Ruta
O tramo do Monte Aloia ascende ata o miradoiro da Cruz de Pedra e segue por unha pista en bo estado cara ao Alto de San Antoniño, continuando ao Monte Tetón no concello de Tomiño. Alí poden verse diversas mostras arqueolóxicas, incluíndo varios petróglifos sinalizados.
A ruta cruza a PO-344 en dirección a Cima de Vila e segue por pistas forestais ata os montes do Rosal, alcanzando o miradoiro do Niño Corvo, a 312 metros, cunha panorámica de 360 graos do tramo final do Miño, o val do Tamuxe e as montañas galegas e portuguesas que delimitan o espazo.
Desde alí, un descenso leva ata as beiras do río Tamuxe na zona das pozas de Pesqueira, para logo remontar o río cara ao norte e iniciar unha dura subida aos muíños do Folón e do Picón, declarados Bens de Interese Cultural e situados nunha ladeira que ofrece magnífi cas vistas sobre O Rosal. Unha nova pista forestal en bo estado leva ao Alto de Torroso, onde atopamos singulares esculturas talladas na pedra por artistas locais.
Unha vez no núcleo urbano da Guarda, un dos destinos turísticos máis importantes de Galicia, comeza o último desafío: o ascenso ao Monte Santa Trega. Desde a súa cume, cun excelente miradorio natural, podemos gozar das vistas ao estuario do Miño, Portugal, val do Rosal e o océano Atlántico.
A Guarda
Esta ruta lineal une dous dos puntos xeográficos e patrimoniais máis destacados do Baixo Miño: o Monte Santa Trega e o Parque Natural do Monte Aloia. O percorrido atravesa os concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, conectando algúns dos miradoiros naturais máis emblemáticos como o Monte Trega, Monte Torroso, O Niño do Corvo, o Alto da Pedrada e o Monte Aloia.
Ruta
O traxecto é bidireccional, con dous puntos de inicio: o Museo Arqueolóxico do Monte Trega, próximo ao xacemento, e o Pavillón da Macoca en Pazos de Reis.
A ruta comeza cun descenso do Monte Trega ata o núcleo urbano da Guarda, que, tras atravesalo, nos conduce á primeira subida: o Monte Torroso, cunhas impresionantes vistas ao Atlántico pola súa proximidade á costa.
Este tramo discorre por pistas en bo estado ata os Muíños do Folón e do Picón, declarados Ben de Interese Cultural. Desde alí, un novo descenso lévanos á zona de A Pesqueira, camiño dun dos puntos máis representativos da ruta: o Niño do Corvo, un pico con vistas de 360 graos sobre o río Miño, o val do Tamuxe e as cadeas montañosas de Galicia e Portugal.
Xa en Tomiño, atopamos pistas anchas e ciclables que nos permiten gozar da ruta ao pasar por lugares como o Alto da Pedrada e o Monte Tetón. A ruta continúa ascendendo ao Alto de San Antoniño e ao miradoiro da Cruz de Pedra, para finalmente entrar no Parque Natural do Monte Aloia e rematar no Pavillón da Macoca.
O Rosal
Na provincia de Pontevedra atopamos esta ruta circular que percorre os concellos de Tomiño e O Rosal, e permite, previa reserva, visitar algunhas das principais adegas con experiencias de enoturismo da subzona do Rosal, dentro da Ruta do Viño Rías Baixas. Desde a Praza do Calvario cara a Couselo, e tras cruzar os viñedos da adega Terras Gauda, a ruta chega á zona de Eiras e conecta coa Senda dos Pescadores, pertencente á Rede Natura 2000.
Ruta
Esta zona presenta un ecosistema de gran beleza e interese, con bosques de ribeira, canas, xunqueiras e piñeiros, así como unha gran variedade de aves que converten este hábitat nun destacado enclave ornitolóxico. O itinerario é cómodo de ciclar e perfectamente acondicionado para seguir a beira do Miño ata o núcleo urbano de Tomiño.
Neste tramo destaca a Fortaleza de San Lourenzo en Goián, construída sobre os restos dun antigo baluarte ocupado por Portugal e coñecido como Fortín da Barca durante o século XVII, no contexto da Guerra da Restauración portuguesa. Na actualidade, o Espazo Fortaleza conta con terrazas, parque infantil, bar e punto de información, e xunto coa praia fluvial convérteo nun dos lugares máis concorridos da beira galega do Miño.
A ruta abandona o centro urbano de Tomiño en dirección ao miradoiro de Altos de Torona, que se alcanza tras unha esixente subida por estrada, premiada cunha espectacular panorámica dos viñedos, do río Miño e do territorio transfronteirizo entre Galicia e Portugal.
Desde aquí, continúa por pistas que culminan no miradoiro do Niño do Corvo, cunha panorámica de 360 graos onde se distinguen o tramo final do Miño, o val do Tamuxe no Rosal e as cadeas montañosas que delimitan este espazo, tanto en Galicia como en Portugal. Tras un longo descenso, a ruta volve á zona de Couselo para rematar no centro urbano do Rosal.
Gran ruta cicloturista Galicia Suroeste
A Gran Ruta Cicloturista Galicia Suroeste é unha ruta ciclista circular de longa distancia que conecta o suroeste da provincia de Pontevedra a través dunha conexión continua entre a costa atlántica, os vales fluviais e as cordilleiras do interior.
Ruta
A ruta ofrece unha visión completa e coherente do territorio, integrando espazos urbanos, rurais e naturais nunha experiencia ciclista que abrangue múltiples concellos. A ruta atravesa e conecta os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Redondela, Mos, O Porriño, Nigrán, Gondomar, Baiona, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, reforzando a cohesión funcional do Xeodestino Suroeste de Galicia.
A lonxitude total da ruta é de aproximadamente 250 km, cun desnivel moderado a alto, propio dunha zona de transición entre a costa e o terreo de media montaña. A superficie é maioritariamente mixta, combinando estradas locais de baixo tráfico, pistas rurais asfaltadas e pistas de terra compactada, o que a fai especialmente axeitada para bicicletas de montaña, bicicletas de sendeirismo e bicicletas eléctricas. A dificultade xeral considérase media, con tramos máis
esixentes no interior e zonas máis accesibles ao longo da costa e nos vales fluviais.
A Gran Ruta Cicloturista Galicia Suroeste apóiase en infraestruturas xa existentes, como a Ruta Cicloturista das Greas Galicia Suroeste, en tramos integrados na Ruta da Costa Atlántica EuroVelo 1 e en rutas do proxecto rexional “A Paisaxe de Galicia desde a Bicicleta”, consolidándose como unha infraestrutura flexible e estruturante para a mobilidade ciclista e o cicloturismo de media e longa distancia.
Ruta cicloturista das Greas Galicia Suroeste
A ruta cicloturista das Greas Galicia Suroeste está deseñada como unha ampla ruta circular interconectada que abrangue varios concellos, unindo o suroeste da provincia de Pontevedra a través dun itinerario continuo e coherente.
Ruta
O seu percorrido ofrece unha visión integral do territorio, conectando directamente a costa atlántica, os principais vales fluviais e as serras do interior, e recuperando en gran medida antigos camiños tradicionais que historicamente facilitaban o desprazamento entre parroquias e concellos.
A ruta atravesa os concellos de Redondela, Soutomaior, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño, Tui, Gondomar, Oia, Nigrán e Baiona, consolidándose como un eixo clave de conectividade territorial que transcende o ámbito local e fortalece as relacións funcionais entre as zonas urbanas, rurais e costeiras.
Desde unha perspectiva paisaxística e ambiental, a ruta conecta miradoiros naturais sobre a ría de Vigo, zonas forestais de media e alta altitude, vales fluviais de valor ecoloxicamente alto como o val do río Oitavén e zonas costeiras singulares do Val Miñor. Este contraste constante entre mar e montaña, característico do suroeste de Galicia, achega un interese visual e interpretativo signifi cativo, permitindo comprender a diversidade xeomorfolóxica, ecolóxica e cultural da rexión ao longo dunha única ruta continua.
Esta ruta está deseñada principalmente para a práctica de bicicleta de montaña, e a confi guración da ruta e as súas etapas déixase ao criterio de cada usuario.