A Comisión Europea conmemora os 40 anos de adhesión de España e Portugal á Comunidade Económica Europea en Tui.


O programa “Las Plazas de Europa” recalou por primeira vez en Galicia para dar a visibilidade que se merece o paso transfronteirizo máis dinámico de toda a Península Ibérica.

A cidade de Tui acolleu na tarde do  pasado  martes, á 20ª edición da iniciativa “Las Plazas de Europa”, organizada directamente pola Comisión Europea a través da súa representación en España e contando coa colaboración do Concello de Tui, da Cámara Municipal de Valença de Minho;  e co apoio organizativo da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade colaboradora da Comisión Europea para implantar a metodoloxía Leader no sur da provincia de Pontevedra a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR).

A actividade, instalada no Paseo da Corredoira deu comezo a media tarde, coa benvida e intervención inicial a cargo de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, que fixo especial fincapé na importancia que as políticas comunitarias teñen para a cidadanía, e como estas son materializadas a través de obras e servizos cofinanciados pola UE, nomeando o inmenso número de iniciativas que o concello ten executado e está a realizar grazas ao apoio de Europa.

Seguidamente foi o Presidente da Cámara Municipal de Valença de Minho o que tomou a palabra, e ambos rexedores amosaron as súas impresións en relación ao que supón para as dúas cidades traballar en cooperación transfronteiriza, ter constituído unha Euro-Cidade, e o que supuxo para as dúas vilas a adhesión á Comunidade Económico Europea, a supresión da fronteira, a libre circulación de persoas e mercadorías e esa nova forma de convivir a partir de 1986.

A continuación interviñeron os representantes da Comisión Europea en España e Portugal, Lucas González e Sofía Moreiras respectivamente. Apelaron a que a cidadanía participe activamente dos procesos democráticos e fagan chegar as súas inquedanzas e opinións á Europa a través das representacións en cada Estado membro. 

Para rematar o primeiro bloque, o acto contou tamén coa intervención da directora da Axencia Europea de Control de Pesca con sede na cidade de Vigo, Susan Steele.

No seguinte bloque de intervencións, a cidadanía puido coñecer proxectos concretos que se están a desenvolver nos territorios veciños. Comezou as intervencións o Programa Leader,  xestionado e implantado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste e financiado con fondos FEADER que foi creado pola Comisión no ano 1991, e que é considerada unha das iniciativas de maior éxito a nivel europeo, pois logo de case 35 anos segue a ser unha aposta firme na Política Agraria Común polo seu cambio no modelo de gobernanza, onde a cidadanía ten o poder de decisión sobre o seu propio desenvolvemento. 

Desde a AECT Río Minho, foi presentada a Axencia e a súa labor no ámbito da cooperación Transfronteriza, así como os proxectos que actualmente están a desenvolver, como o Visit Rio Miño.

O proxecto EUTERPE-adn que busca impulsar o envellecemento activo a través da música e que conta con financiación POCTEP foi o terceiro en intervir, e pechou este bloque a presentación do Festival de Música Transfronteiriza IKFEM.

No último dos bloques de intervencións, foi a cidadanía a que tomou a palabra, a través dun dialogo interxeneracional con participantes de ambos lados da raia, no que conversaron sobre Europa a través das fronteiras e das xeracións.

O acto foi conducido pola periodista tudense Paula Montes, que amosou o seu agradecemento por formar parte do acto, e tamén recordou a súa infancia no seu Tui natal e como teñen mudado as relacións desde a supresión da fronteria.

Finalmente, ofreceuse un espazo de intercambio de experiencias ao redor dun viño da raia e dunha degustación de produtos típicos con selos de calidade recoñecidos pola UE como as IXP de ambas rexións.

Galicia Suroeste acolleu este acto da Comisión con gran ilusión, aportando e facilitando todas aquelas xestión necesarias para que o éxito estivese garantido, pois tal e como a iniciativa Leader que xestiona afirma, desde pequenos lugares, coa participación da xente que vive e traballa neles, pódense facer grades cousas e chegar a todas as audiencias, por máis lonxanas que parezan.

foto_acto_lasplazasdeuropa

Novas relacionadas

Ver todas