O VI Foro da Muller Rural Galega celebrarase este xoves no Concello de Pazos de Borbén
O Concello de Pazos de Borbén acollerá este xoves, 15 de outubro, ás 19:00 horas, a celebración do VI Foro da Muller Rural Galega, unha cita xa consolidada como referente no recoñecemento ao papel fundamental das mulleres no desenvolvemento e na sustentabilidade do rural galego.
O evento, organizado por Galicia Suroeste GDR en colaboración co Concello de Pazos de Borbén, estará presidido polo alcalde do municipio, Luciano Otero, e pola presidenta da entidade, Sandra González, xunto ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Ademais, contará coa presenza dos representantes institucionais dos concellos que integran o territorio de Galicia Suroeste.
O Foro constitúe un espazo de recoñecemento e visibilización das mulleres que, a través dos seus proxectos e traxectorias profesionais, contribúen a fortalecer o tecido económico, social e cultural do rural. Nesta edición renderase homenaxe a diversas iniciativas lideradas por mulleres dos concellos do territorio, poñendo en valor o seu compromiso, capacidade emprendedora e impacto nas súas comunidades.
As protagonistas deste ano desenvolven a súa actividade en ámbitos tan diversos como a hostalaría, a artesanía, a alimentación, o comercio local, a cultura ou o emprendemento feminino, exemplificando a riqueza e diversidade do talento feminino presente no rural galego.
Durante o acto proxectaranse pezas audiovisuais elaboradas especificamente para cada unha das iniciativas homenaxeadas, nas que se recollen as súas historias persoais e profesionais, así como a súa contribución á dinamización do territorio.
Como nas edicións anteriores, a xornada culminará coa lectura do Manifesto da Muller Rural Galega e cun recoñecemento especial a unha muller de Pazos de Borbén por toda unha vida de dedicación ao rural. A súa identidade será dada a coñecer durante o propio acto, no que recibirá a escultura conmemorativa do foro, creada pola artista búlgara afincada en Tomiño, Liliya Pobornikova.
A presentación do evento correrá a cargo da xornalista tudense Paula Montes, vinculada a esta iniciativa desde a súa primeira edición, celebrada en Tui no ano 2020.
Na súa sexta edición, o Foro da Muller Rural Galega reafírmase como un espazo de encontro, reflexión e recoñecemento institucional ás mulleres que manteñen viva a identidade, a economía e a cohesión social do rural galego. Unha homenaxe colectiva á súa contribución diaria e ao seu papel esencial na construción dun rural con futuro.
Esta iniciativa é financiada con Fondos da PEPAC 23-27 a través da Iniciativa Leader que conta coa cofinanciación do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural.