O V Foro da Muller Rural Galega organizado por Galicia Suroeste en colaboración co Concello de Mos, pon en valor o traballo de 14 iniciativas lideradas por mulleres do rural.
Mos viviu este venres unha xornada de celebración e reivindicación das mulleres do rural galego. A Cidade Deportiva Afouteza, no concello de Mos, encheuse de público e autoridades para acoller o V Foro da Muller Rural Galega, un encontro institucional e social consolidado como un referente no recoñecemento da labor das mulleres no rural. O acto foi inaugurado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto á presidenta da AD Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, e a directora de Calidade e Organización do RC Celta de Vigo, Alicia Ferreiro.
A presidenta do RC Celta de Vigo, Marián Mouriño, que non puido estar presente, manifestou o seu pesar por non poder asistir a través dun vídeo, no que felicitou a todas as mulleres homenaxeadas e enviou os seus mellores desexos para este acto, e a súa continuidade.
Nas intervencións institucionais, as tres participantes destacaron a importancia de apoiar e visibilizar o traballo das mulleres no medio rural, agradecendo o compromiso de toda a sociedade e das institucións nesta causa. Tamén asistiron representantes dos 14 concellos do territorio de Galicia Suroeste e da Consellería do Medio Rural, arroupando coa súa presenza ás homenaxeadas e ao público asistente.
A rexedora mosense, Nidia Arévalo, anfitriona desta edición manifestou o seu orgullo e satisfacción por acoller este acto, que a pesar de xurdir en tempos difíciles, en plena pandemia no 2020, foi medrando en cada unha das edicións grazas ao compromiso de todos os concellos que forman parte de Galicia Suroeste. “Cinco nos despois podemos dicir con orgullo que este é un espazo consolidado, de encontro, de orgullo e de inspiración colectiva, que ponnos os pes nas terra, nos fai reflexionar e querer ser mellores”.
Durante a gala procedeuse á entrega de premios e distincións ás 14 iniciativas lideradas por mulleres desta quinta edición – unha iniciativa de cada un dos 14 concellos que integran a AD Galicia Suroeste Eurural – en homenaxe ás súas traxectorias vitais e profesionais que manteñen viva a economía e a cohesión social do rural. As galardoadas abranguen unha gran diversidade de sectores, que van desde a hostalaría, a artesanía e a agroalimentación ata o comercio local, a cultura e o emprendemento feminino. Ao longo do evento proxectáronse pezas audiovisuais sobre cada unha destas iniciativas, nas que se recollían as historias persoais de cada emprendedora e a súa contribución á dinamización das súas comunidades, arrincando os aplausos emocionados do auditorio en múltiples ocasións.
Nesta edicion, os galardóns recairon nas emprendedoras Erea Rodríguez e Cintia Lombra de Skeirrum polo Concello de A Guarda; en Susana Rodríguez de Restaurante Rocamar por Baiona; Loli Lorenzo, propietaria de Restaurante Casa Nagarola por Fornelos de Montes; Loli Estévez, de Alimentación Loli polo Concello de Gondomar; Raquel Gómez e Diana Muñoz, da Cooperativa Somos Terra polo Concello de Nigrán; Fina Blanco de Perruquería Barber Fina Blanco por Oia; Sara Álvarez “Muñi” capitana de As Celtas polo Concello do Rosal; Conchi Míguez, de autoservicio Yustin - Super Concha por Pazos de Borbén; Carmen Álbán de Panadería San Miguel polo Concello de Mos; María Josefa Rodríguez de Bar Celtiña polo Porriño; Soledad Chayán da empresa turística Mejor con Guía polo Concello de Redondela; María José Fernández de Floristería Caravel por Soutomaior; Ana María Vicente, de Carnicería Ana polo Concello de Tomiño e Pilar Blanco propietaria de Restaurante El Molino polo Concello de Tui.
Un dos momentos máis simbólicos chegou coa lectura do Manifesto da Muller Rural Galega. Este ano, o encargado de poñer voz ao manifesto foi o concelleiro de Igualdade de Mos, Leo Costas, quen deu lectura a un texto reivindicativo que subliñou o papel fundamental da muller no sostemento do rural e apelou a continuar impulsando a igualdade de oportunidades no ámbito rural. Coa lectura do manifesto, o V Foro da Muller Rural Galega quixo reafirmar o seu compromiso cos dereitos e o benestar das mulleres, lembrando que sen elas non se podería entender nin o presente nin o futuro do noso rural.
A continuación tivo lugar a homenaxe máis emotiva da xornada, coa entrega do recoñecemento especial deste ano. O nome da muller homenaxeada, mantido en segredo ata o último intre, resultou ser o de Dolores Fernández González, veciña de Mos e fundadora da coñecida Floristería Lola. Dolores Fernández, moi aplaudida polos presentes, recibiu unha escultura conmemorativa do foro – peza creada pola artista búlgara afincada en Tomiño, Liliya Pobornikova – como símbolo de agradecemento por toda unha vida de compromiso co rural. As autoridades fixéronlle entrega do galardón entre eloxios á súa traxectoria exemplar, destacando o seu labor profesional e humano ao servizo da comunidade durante décadas. Esta homenaxe supuxo un sincero recoñecemento a unha muller que dedicou a súa vida a embelecer e dar vida ao rural mosense a través do seu negocio familiar co que deu traballo e novas oportunidades a moitas veciñas do rural.
A música tradicional puxo tamén o seu selo no evento: a agrupación de cantareiras As Lagharteiras amenizou a velada coas súas interpretacións en directo, engadindo unha nota cultural e emocional á cerimonia. As súas voces encheron o recinto de Afouteza en distintos momentos do acto, creando unha atmosfera de orgullo e celebración da identidade galega que conectou co público asistente.
“O foro chega á súa quinta edición consolidado como un espazo de encontro, visibilización e recoñecemento institucional ás mulleres que manteñen viva a identidade, a economía e a cohesión social do rural galego. É unha mostra da forza colectiva desas mulleres que día a día sosteñen o noso territorio co seu traballo, moitas veces silenciado pero imprescindible para construír un rural con futuro”, destacou no seu discurso Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste EuRural, subliñando a relevancia dun evento que, coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, se converteu nunha celebración do talento, o esforzo e a perseveranza das mulleres no noso territorio.
O peche do acto estivo a cargo da alcaldesa de Mos, Nidia Arevalo, quen expresou o seu profundo agradecemento e admiración por todas as mulleres galardoadas, que demostran cada día a súa loita, superación e amor polo noso territorio. “Mulleres que manteñen viva a economía rural, que innovan, que crean emprego e que seguen transmitindo valores de esforzo, dignidade e compromiso co rural. Quero darvos as grazas por ser exemplo de futuro e esperanza”, salientou a rexidora.
O acto rematou cunha foto de familia, que nesta quinta edición acolleu a máis de 150 persoas entre representantes institucionais, mulleres galardoadas e as súas familias, que no quixeron perderse este recoñecemento tan merecido por tadas elas.