O V Foro da Muller Rural Galega celebrarase no Concello de Mos, este venres 17 de outubro.
Afouteza, Cidade Deportiva do Real Club Celta de Vigo no Concello de Mos, acollerá este venres, 17 de outubro, ás 19:00 horas, a celebración do V Foro da Muller Rural Galega, un encontro de carácter institucional e social que se consolida como un dos actos de referencia no recoñecemento á labor das mulleres no rural.
O evento, organizado por Galicia Suroeste en colaboración co Concello de Mos, será inaugurado pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e pola presidenta do GDR, Sandra González, xunto a Alicia Ferreiro, Directora de Calidade e Organización do Celta de Vigo. Así mesmo, estarán presentes os representantes institucionais dos concellos que integran o territorio de Galicia Suroeste, así como de representantes da Consellería do Medio Rural.
O Foro, un acto de recoñecemento e visibilización, renderá homenaxe a 14 iniciativas lideradas por mulleres dos 14 concellos do territorio, e porá o foco nas súas traxectorias vitais e profesionais, exemplo da importancia do papel esencial das mulleres no sostemento do rural galego.
Nesta edición, as protagonistas representan sectores moi diversos: desde a hostalaría, a artesanía e a alimentación ata o comercio local, a cultura e o emprendemento feminino.
Durante o acto proxectaranse pezas de audiovisual promocionais, elaboradas para cada unha das iniciativas homenaxeadas, nos que se recollen as súas historias e contribución á dinamización do rural.
Como nas edicións anteriores, o acto culminará coa lectura do manifesto da muller rural galega e o recoñecemento especial a unha muller mosense, por toda unha vida por e para o rural, que será desvelada no propio evento, e á que se lle entregará a escultura conmemorativa deste foro, creada pola artista búlgara afincada en Tomiño, Liliya Pobornikova.
O acto estará amenizado pola agrupación de cantareiras, As Lagharteiras e será conducido pola periodista tudense Paula Montes, vinculada a esta iniciativa desde os seus comenzos no ano 2020 no Concello de Tui.
O Foro da Muller Rural Galega chega á súa quinta edición en Mos, consolidándose como un espazo de encontro, visibilización e recoñecemento institucional ás mulleres que manteñen viva a identidade, a economía e a cohesión social do rural galego. Unha mostra da forza colectiva das mulleres que día a día sosteñen o noso territorio co seu traballo, moitas veces silenciado, é imprescindible para construír un rural con futuro.