O VI Foro da Muller Rural Galega organizado por Galicia Suroeste, pon en valor o traballo de 13 mulleres do territorio en Pazos de Borbén


Pazos de Borbén acolleu unha emotiva sexta edición do Foro coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural

Pazos de Borbén converteuse este xoves no epicentro do recoñecemento ás mulleres do rural galego coa celebración do VI Foro da Muller Rural Galega, organizado por Galicia Suroeste. A Renovadora de Moscoso reuniu a numerosas persoas asistentes, representantes institucionais e autoridades nun acto xa consolidado como referente na visibilización e posta en valor do papel das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural do territorio.

O acto contou coa participación do alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero; da presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, Sandra González; e do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Tamén estiveron presentes representantes dos concellos que integran Galicia Suroeste, acompañando ás homenaxeadas nunha xornada marcada pola emoción e o recoñecemento.

Durante a apertura institucional, o alcalde de Pazos de Borbén destacou a satisfacción de acoller unha iniciativa que foi medrando ano tras ano ata converterse nun encontro de referencia para o territorio. Otero puxo en valor o compromiso dos concellos integrantes de Galicia Suroeste coa continuidade deste foro e sinalou que, seis edicións despois, o evento se consolidou como un espazo de encontro e reflexión colectiva que permite recoñecer o valor das persoas que contribúen a construír un rural vivo e con futuro.

Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos recoñecementos ás trece mulleres distinguidas nesta edición polas súas traxectorias profesionais e persoais, exemplos do dinamismo e da diversidade do rural galego. As premiadas representan ámbitos tan diversos como a cultura, a hostalaría, o comercio local, a artesanía, o turismo, a actividade agraria ou o asociacionismo.

Ao longo da gala proxectáronse diferentes pezas audiovisuais que permitiron coñecer as historias de vida das galardoadas e a súa contribución ao desenvolvemento das súas comunidades, xerando momentos de grande emoción e numerosos aplausos entre o público asistente.

As recoñecidas nesta sexta edición foron Susana Garrido, cantante e compositora, por Fornelos de Montes; Lucía Torres, de Floristería Flor de Lis, por Gondomar; Flora Carrera, de Tapería Flora, por Mos; Loli Vicente, das Mulleres Rurais de Chandebrito, por Nigrán; Patricia Muñóz, de Amodo Turismo, por Oia; as irmás Amparo e Delia Alvárez, do Bar Floro, polo Rosal; Carlota Simón, de Gandería GS, por Pazos de Borbén; Ana Sánchez, da empresa familiar Sánchez Álvarez, por Redondela; Paloma Romero, de Barbería L'Uomo, por Soutomaior; Reme Ortega, do Grupo Cultural San Roquiño, por Tomiño; e Hortensia Rodríguez, de Floristería La Flor, por Tui.

Outro dos momentos máis significativos do acto foi a lectura do Manifesto da Muller Rural Galega, a cargo da concelleira de Igualdade de Pazos de Borbén, Victoria Couñago. O texto reivindicou o papel esencial das mulleres no sostemento e desenvolvemento do rural e fixo un chamamento a continuar avanzando cara a unha igualdade efectiva de oportunidades. Con esta lectura, o Foro reafirmou o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e co impulso dun rural máis xusto, inclusivo e sostible.

A continuación chegou a homenaxe máis emotiva da xornada coa entrega do recoñecemento especial do VI Foro da Muller Rural Galega. O nome da homenaxeada mantívose en segredo ata o último momento e recaeu en Carmen Tellado, veciña de Pazos de Borbén e histórica cociñeira do CEIP do municipio. Entre unha gran ovación do público, recibiu a escultura conmemorativa do foro, creada pola artista Liliya Pobornikova, como mostra de gratitude por toda unha vida dedicada ao servizo da comunidade educativa e do rural.

As autoridades destacaron durante a entrega a súa profesionalidade, a súa vocación de servizo e a pegada humana que deixa tras décadas alimentando e coidando xeracións de nenos e nenas do concello, converténdose nunha figura moi querida e respectada pola veciñanza.

No seu discurso, a presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, salientou que esta iniciativa representa moito máis que un acto de homenaxe. Segundo indicou, o foro consolidouse como un espazo de recoñecemento institucional ás mulleres que, desde ámbitos moi diversos, contribúen diariamente a manter viva a identidade, a economía e a cohesión social do rural galego. Ademais, destacou que a celebración constitúe unha oportunidade para visibilizar un labor fundamental que segue sendo imprescindible para garantir o futuro do territorio.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, quixo expresar a súa admiración por todas as mulleres recoñecidas nesta edición, subliñando que representan un exemplo de esforzo, compromiso e capacidade de superación. Losada destacou o seu papel na xeración de actividade económica, na creación de oportunidades e na transmisión de valores fundamentais para as xeracións futuras, agradecéndolles a súa contribución ao desenvolvemento e á vitalidade do rural galego.

Coa celebración desta sexta edición, Galicia Suroeste reafirma a súa aposta por dar visibilidade ás mulleres que, co seu traballo diario, fan posible un medio rural máis dinámico, innovador e cheo de oportunidades, consolidando o Foro da Muller Rural Galega como unha cita de referencia para o conxunto do territorio. Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 a través da iniciativa LEADER, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, contribuíndo así a promover o desenvolvemento sostible do medio rural e a igualdade de oportunidades no territorio.

WhatsApp Image 2026-10-15 at 21.45.06 (1)

Novas relacionadas

Ver todas