Galicia Suroeste reivindica en Oia o potencial do astroturismo e dos ceos nocturnos de calidade
O Centro Cultural de Torroña, en Oia, acolleu o pasado martes a xornada “Galicia, porta de entrada da eclipse”, un encontro promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, o Concello de Oia e a Axencia Turismo de Galicia para afondar no potencial turístico, ambiental e social asociado á eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto, así como nas oportunidades derivadas do recente recoñecemento de Oia e Fornelos de Montes como Destino Starlight “Os ceos de Fornelos de Montes e Oia – Galicia Suroeste”.
A apertura institucional do evento contou coa participación de Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste, Carmen Pita, directora de promoción de Turismo de Galicia, e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia. Durante as intervencións púxose en valor a importancia de protexer os ceos nocturnos de calidade como recurso ambiental, científico e turístico, incidindo no potencial do astroturismo como ferramenta para diversificar a oferta, crear novas experiencias sostibles e reforzar o posicionamento de Galicia Suroeste como destino turístico innovador.
A xornada desenvolveuse cun marcado enfoque teórico-práctico, combinando contidos divulgativos arredor da eclipse do mes de agosto con explicacións sobre observación astronómica, protección fronte á contaminación lumínica e posibilidades de creación de produto turístico vinculado ao ceo nocturno. Neste sentido, abordáronse tamén as oportunidades que o selo Destino Starlight abre para o tecido empresarial e para o conxunto do territorio.
Durante o encontro tivo lugar unha mesa redonda sobre as implicacións sociais e económicas da eclipse, na que participaron Ana Vázquez, CEO de Alecrín Actividades e Aventura, e o divulgador científico e experto en astronomía Borja Tosar. Ao longo do debate analizáronse cuestións como o potencial do astroturismo para desestacionalizar a demanda, a creación de experiencias vinculadas á natureza e ao ceo nocturno, ou os retos asociados á consolidación de Galicia Suroeste como destino de referencia neste ámbito.
A xornada forma parte da programación impulsada arredor do novo Destino Starlight e enmárcase na aposta de Galicia Suroeste pola creación de produtos turísticos sostibles, vinculados ao patrimonio natural e paisaxístico do territorio e capaces de xerar oportunidades de desenvolvemento económico e social nos 14 municipios que conforman o destino.