Galicia Suroeste activa un novo produto turístico de observación de aves en todo o seu territorio


O produto está dotado coa primeira guía dixital de observación de aves, realizada exclusivamente para o territorio que abarca o destino Galicia Suroeste

Galicia Suroeste anuncia que o novo produto turístico de observación de aves xa está plenamente dispoñible para veciñanza, visitantes e turistas en todo o territorio. A iniciativa pon en valor a riqueza ornitolóxica do destino e reforza a aposta polo turismo de natureza, pola divulgación ambiental e pola creación de experiencias sostibles no rural galego.

O deseño deste produto concretouse na identificación de 14 puntos de observación de aves, dotados con panel informativo e interpretativo, localizados cada un deles nun dos concellos de Galicia Suroeste, en espazos de especial valor ambiental e desde os que a práctica de observación de aves pode realizarse nas mellores condicións. 

A maiores tamén foron identificación outros 25 lugares de interese, que a pesar de non contar con elemento de sinalización, están xeolocalizados dentro do produto turístico, e as persoas interesadas poderán atopar información sobre eles, destacados por algunha peculiaridade que os fai únicos, tanto pola fauna existente como polas súas especiais condicións ambientais.

Os paneis, que contan cunha ilustración orixinal realizada polo estudio Papelier, achegan información sobre as especies máis representativas da zona e sobre os ecosistemas nos que se atopan, facilitando unha experiencia de visita completa, accesible e educativa. 

A guía, está dotada con ilustracións detalladas que axudan a identificar as diferentes especies presentes no territorio, ademais de ofrecer descricións, hábitos, características e recomendacións para unha observación responsable. Este manual pode descargarse directamente desde os paneis, a través do QR, ou consultarse e descargar tamén desde a web de Galicia Suroeste, reforzando así a accesibilidade e a difusión dos contidos. https://galiciasuroeste.gal/proxectos/turismo-ornitoloxico

Inclúe ademais un mapa de turismo de aves que orienta ao visitante nun percorrido polos 14 concellos, conectando espazos naturais, puntos de observación e recursos ambientais.

Co obxectivo de mellorar a experiencia de visita e facilitar a observación en condicións óptimas, Galicia Suroeste completou o produto turístico coa creación e mellora de diversas infraestruturas:

  • Creación de observatorio accesible no concello do Rosal, deseñado para garantir accesibilidade universal e permitir a observación cómoda e segura. Esta actuación foi realizada en colaboración co concello e coa CMVMC de San Miguel de Tabagón. 
  • Espazo de observación con mesa interpretativa en colaboración co concello da Guarda na desembocadura do Miño, situado nun enclave privilexiado para o avistamento de aves costeiras e migratorias.
  • E espazo de observación con mesa interpretativa en colaboración co concello de Tomiño en Goián, orientado á observación de especies asociadas a humidais e ribeiras.

No caso do concello do Porriño, concretamente nas Gándaras de Budiño, Galicia Suroeste impulsou unha intervención de carácter ambiental e divulgativa na Lagoa de Orbenlle, un dos espazos naturais máis singulares do territorio.  A actuación incluíu:

A recuperación ambiental da lagoa, mellorando o estado ecolóxico do humidal, a creación dunha pasarela de madeira, que permite atravesar a lagoa sen bordear o perímetro, facilitando o acceso e mellorando a conectividade e a instalación de paneis informativos e interpretativos sobre a biodiversidade existente na lagoa, destacando valores ecolóxicos, especies presentes e a importancia da conservación dos humidais.

Todas estas actuacións foron financiadas a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con fondos Next Generation - UE, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Este apoio europeo permitiu desenvolver proxectos que combinan conservación ambiental, mellora da experiencia turística e dinamización socioeconómica do rural.

Foto_prensa_aves_galiciasuroeste

Novas relacionadas

Ver todas