Baiona impulsa novas medidas de sostibilidade na XXX Festa da Arribada co proxecto Festa Sostible de Galicia Suroeste
A XXX edición da Festa da Arribada avanzou cara a un modelo de celebración máis sostible mediante a implantación dun conxunto de medidas destinadas a reducir o impacto ambiental dunha das Festas de Interese Turístico Internacional máis emblemáticos de Galicia.
No marco desta edición elaborouse un Plan de Sostibilidade específico para o evento, no que se definiron obxectivos e actuacións orientadas á mellora da xestión ambiental da festa, promovendo a corresponsabilidade entre organización, participantes e público asistente.
Entre as accións desenvolvidas destacou a formación previa ao equipo organizador e ás persoas participantes nos postos, centrada en conceptos de sostibilidade e economía circular, así como na identificación dos principais puntos de xeración de residuos e nas medidas previstas para a súa correcta xestión durante a celebración.
No evento instaláronse estacións de reciclaxe con recollida separada de diferentes fraccións nas zonas de maior afluencia, co obxectivo de facilitar a correcta separación dos residuos xerados. A maiores, habilitáronse puntos de acceso gratuíto a auga potable non envasada, contribuíndo a reducir o consumo de envases de plástico entre as persoas asistentes.
Como novidade destacada desta edición, desenvolveuse unha campaña de sensibilización ambiental en colaboración con Ecovidrio, na que varias persoas promotoras estiveron presentes durante a celebración informando ao público sobre a importancia da correcta reciclaxe do vidro e fomentando hábitos responsables entre visitantes e participantes.
A organización tamén implantou outras medidas complementarias para reducir o impacto ambiental da festa, como a utilización de utensilios sostibles nos postos de comida, a instalación de lonas protectoras nos stands para evitar vertidos na vía pública, o reparto de recolle cabichas portátiles e a instalación de baños conectados directamente á rede de sumidoiros, evitando o uso de sanitarios químicos.
A avaliación realizada durante o evento permitiu constatar a correcta aplicación das medidas previstas e identificar oportunidades de mellora para futuras edicións, consolidando a Festa da Arribada como un evento que combina historia, participación cidadá e compromiso coa sostibilidade.
O proxecto Festas Sostibles de Galicia Suroeste enmárcase dentro do PSTD A Despensa de Galicia, financiado con fondos NEXT – GENERATION – UE.