Iniciadas as obras de rexeneración natural e prevención de inundacións na Foz do Miñor en Nigrán


A rexeneración da contorna natural degradada e a prevención de inundacións son os obxectivos principais que persigue esta actuación de Galicia Suroeste na Foz do Miñor en Nigrán.

O Concello de Nigrán e Galicia Suroeste anunciaron o comezo das obras de rexeneración e mellora da Foz do Miñor, unha actuación que se desenvolve ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) A Despensa de Galicia e que é financiada e xestionada por Galicia Suroeste, entidade responsable tamén da execución dos traballos.

Para coñecer de primeira man o arranque da intervención, achegáronse ata a zona o alcalde de Nigrán, Juan González, e as representantes de Galicia Suroeste, Sandra González, presidenta da entidade e alcaldesa de Tomiño, e Ánxela Fernández Callis, alcaldesa de O Rosal e representante do Xeodestino. Durante a visita, coincidiron en subliñar o valor ambiental e social da Foz do Miñor e a necesidade de avanzar en proxectos que garantan a súa preservación e a necesidade de realizar intervencións que eliminen riscos de inundación en espazos como a Foz, de alto valor ambiental dentro da Rede Natura 2000.

A actuación prevista abrangue unha serie de melloras destinadas a rexenerar e recuperar un espazo degradado, favorecendo a ordenación do uso público dun xeito máis respectuoso, que mellore os accesos e percorridos peonís seguros.

En liñas xerais o proxecto consiste na retirada dunha estrutura existente no paseo da Foz, sobre a fonte da Ramallosa, para ser substituída por una nova de aceiro inoxidable e pavimento acristalado transitable, que posibilite contemplar a estrutura orixinal en pedra e a súa profundidade. Tamén contempla actuacións de limpeza e posta en valor da contorna, así como melloras na iluminación e sistema de drenaxe tanto a nivel superficial do paseo como a nivel de evacuación das augas coa baixamar na cota inferior.

Tanto o Concello como Galicia Suroeste destacaron que este proxecto encaixa plenamente na filosofía do PSTD A Despensa de Galicia, que aposta por un modelo de desenvolvemento sostible capaz de poñer en valor os recursos naturais sen comprometer a súa conservación. As obras acadan un investimento de 80.000,00€ e teñen unha previsión de execución de 90 días.

FOTO_MEDIOS

Novas relacionadas

Ver todas