Iniciadas as obras de rexeneración ambiental na Foz do Miñor en Baiona
Galicia Suroeste ven de adxudicar as obras de rexeneración ambiental e eliminación do risco de inundacións na contorna da Foz do Miñor en Baiona.
A obras iniciadas a pasada semana , estarán rematadas no mes de maio e supoñen unha inversión que ronda os 65.000,00 €, financiados ao 100% por Galicia Suroeste a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, dotado con Fondos NEXT- GENRACIÓN – UE.
Esta intervención, súmase á intervención que a mesma entidade está a desenvolver na Foz, no concello de Nigrán, na busca de mellorar a condición ambiental da Foz do Miñor, recuperar para as persoas espazos degradados, eliminar riscos de inundacións e resolver os itinerarios peonís para acadar unha contorna que permita a accesibilidade universal e ambientalmente resiliente.
Os traballos de redacción de proxecto e obtención de autorizacións dilatáronse durante aproximadamente dous anos, a causa de estar actuando sobre un espazo protexido, de alto valor ambiental e patrimonial, no que destacan os importantes traballos arqueolóxicos que acompañaron todo o proceso previo e que acompañarán tamén os traballos actuais durante a execución da obra.
Esta actuación representa un avance importante para recuperar un espazo degradado, dentro da Rede Natura 2000, que a pesar de non solventar todos as problemáticas ambientais existentes, abre camiño para a colaboración e a cooperación entre administracións en futuras actuacións sobre a Foz do Miñor.
Con este proxecto, Galicia Suroeste reafirman o seu compromiso coa rexeneración e conservación do patrimonio do destino e seguirá a traballar para mellorar a calidade de vida das persoas de todos os concellos do seu ámbito de actuación, entre os que se atopa o Concello de Baiona.