Galicia Suroeste explora en Ávila novos modelos de integración entre os sectores turístico e primario
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste vén de impulsar unha viaxe de familiarización a Ávila no marco do proceso de creación do club de produto turístico vinculado ao sector primario. Os pasados 25 e 26 de febreiro, unha expedición formada por sete empresas da comarca desprazouse ata territorio abulense para coñecer de primeira man proxectos agroalimentarios que teñen aberto as súas portas ao turismo.
Durante a estadía, as empresas participantes puideron achegarse ao modelo de traballo de distintas iniciativas integradas na marca Ávila Auténtica, un selo que agrupa produtores comprometidos coa calidade, a trazabilidade e a posta en valor dos recursos endóxenos. O plan de viaxe incluíu, entre outras actividades, unha experiencia enoturística nunha adega, unha cata de caracois e a visita a un proxecto de produción ecolóxica baseado en gandería rexenerativa. Trátase de exemplos consolidados que conseguiron converter actividades primarias en recursos turísticos comercializables, a través do reforzo da súa autenticidade e do vínculo co territorio. Na axenda tivo cabida unha recepción na sede da Deputación de Ávila, onde a expedición mantivo un encontro con Gemma Rodríguez, xerente de Ávila Auténtica, quen explicou o funcionamento do seu club de produto e a experiencia como marca tras máis de 15 anos de traballo conxunto.
O grupo que viaxou a terras castelás estivo integrado por empresas representativas da diversidade económica do destino: dúas adegas, un viveiro, un obradoiro de cerámica artesanal, un hostaleiro, unha guía de turismo e unha axencia de viaxes. Esta combinación de perfís permitiu abordar a viaxe desde unha perspectiva integral da cadea de valor turística, o que favoreceu a reflexión conxunta sobre como artellar propostas que conecten produción, relato e mercado.
O contacto directo cos promotores abulenses facilitou o intercambio sobre modelos de xestión, procesos de adaptación das instalacións á visita turística, deseño de experiencias, políticas de prezos e estratexias de comercialización. Este tipo de accións permiten identificar aprendizaxes replicables e adaptar boas prácticas á realidade local, co obxectivo de que as empresas do sector primario da comarca poidan incorporar progresivamente a dimensión turística á súa actividade, da man do sector turístico profesionalizado.
Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e liderado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. A creación do club de produto constitúe unha das liñas estratéxicas deste plan, orientada a reforzar a cooperación intersectorial, diversificar a oferta e consolidar un modelo de desenvolvemento sostible e enraizado na identidade do territorio.