Rematadas as obras de iluminación eficiente e artística da Igrexa de San Bieito e a súa contorna en Gondomar
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou o remate dos traballos de iluminación eficiente e artística da igrexa de San Bieito e da súa contorna, acompañado pola presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a representante institucional de Xeodestino e alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.
A actuación, iniciada o pasado mes de febreiro chega ao seu fin, xusto a tempo para a elaboración dos tradicionais tapices florais do Corpus Christi de Gondomar.
Os traballos consistiron na instalación dun sistema de iluminación eficiente con tecnoloxía LED de baixo consumo, que permitirá reducir o gasto enerxético ata nun 60%, e mellora a sustentabilidade do edificio. O novo deseño lumínico destaca os elementos arquitectónicos e artísticos máis relevantes do templo e a súa contorna, reforzando o seu valor histórico e cultural.
A intervención, destinada a poñer en valor o patrimonio histórico, mellorar a seguridade cidadá e reducir o consumo enerxético mediante tecnoloxía LED de última xeración, é unha realidade e xa pode ser desfrutada pola veciñanza e por todas aquelas persoas que se acheguen a Gondomar.
A execución deste proxecto supón un avance significativo na mellora da imaxe nocturna do centro urbano. O novo deseño combina iluminación funcional, orientada a reforzar a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade peonil, con iluminación ornamental, destinada a poñer en valor a arquitectura histórica da Igrexa de San Bieito e a súa contorna, un dos elementos patrimoniais máis representativos do municipio.
O investimento desta intervención ascendeu a 62.000,00€ financiados ao 100% polo Plan de Sustentabilidade Turística en Destino – PSTD A Despenda de Galicia, Fondos NEXT GENERATION-UE.