Galicia Suroeste e o Concello de Gondomar inician as obras para a iluminación eficiente e artística da Igrexa de San Benito e a súa contorna.


Ambas entidades manifestan con este novo proxecto o seu compromiso en firme coa eficiencia enerxética e coa posta en valor do patrimonio cultural.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou o comezo dos traballos de iluminación eficiente e artística da igrexa de San Benito e da súa contorna, acompañado pola presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, alcaldesa de Tomiño, e pola representante institucional de Xeodestino e alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís. Ao acto asistiu tamén o párroco, que acompañou á visita durante o percorrido polo templo e a súa contorna.

A actuación contempla a instalación dun sistema de iluminación eficiente con tecnoloxía LED de baixo consumo, que permitirá reducir o gasto enerxético e mellorar a sustentabilidade do edificio. Ao mesmo tempo, o novo deseño lumínico destacará os elementos arquitectónicos e artísticos máis relevantes do templo, reforzando o seu valor histórico e cultural.

De maneira especial, o proxecto inclúe a iluminación das escaleiras exteriores da igrexa, espazo emblemático no que cada ano se elaboran os tradicionais tapices florais do Corpus Christi. Esta intervención permitirá realzar o valor estético destas composicións efémeras e mellorar as condicións de visibilidade e seguridade durante unha das celebracións máis significativas do calendario local.

O proxecto está financiado a través do PSTD “A Despensa de Galicia”, xestionado por Galicia Suroeste e financiado con fondos europeos Next Generation, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Esta liña de investimento ten como obxectivo impulsar actuacións que reforcen a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a posta en valor dos recursos patrimoniais e turísticos do territorio.

Durante a visita, as autoridades destacaron a importancia de investir na conservación e dinamización do patrimonio como motor de desenvolvemento turístico e económico para o destino, así como a relevancia dos fondos europeos para facer realidade actuacións estratéxicas nos concellos.

As obras desenvolveranse nas próximas semanas e supoñen un paso máis na estratexia de valorización do patrimonio histórico de Gondomar, consolidando a Igrexa de San Benito como un referente cultural e turístico.

O investimento desta intervención ascende a 62.000,00€ financiados ao 100% polo Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, e o seu remate está previsto para o mes de abril, co fin de poder contar este mesmo ano coas melloras de iluminación durante a celebración do Corpus en Gondomar. Dita festividade recibe un importante número de visitantes e turistas ao ser os únicos tapices florais realizados sobre escaleiras. Esta singular aporta un valor diferencial que fai desta manifestación de arte efémera unha representación única en toda Galicia.

WhatsApp Image 2026-02-24 at 18.19.14 (2)

Novas relacionadas

Ver todas