Galicia Suroeste abre o proceso de adhesión ao seu Club de Produto Turístico
Galicia Suroeste inicia o proceso de adhesión ao seu Club de Produto Turístico, unha ferramenta concibida para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis ordenado, profesional e recoñecible.
A iniciativa está dirixida a todas as empresas, entidades e profesionais vinculados ao sector turístico do xeodestino, que poderán sumarse a unha estrutura colaborativa deseñada para fortalecer a oferta, consolidar a marca territorial e impulsar unha visión compartida sobre o futuro turístico do territorio.
O Club de Produto nace como un espazo de cooperación público–privada que permitirá integrar recursos, servizos e experiencias baixo unha identidade común. A través desta fórmula, Galicia Suroeste aspira a reforzar a cohesión territorial e a mellorar a calidade da oferta turística, favorecendo a creación de produtos conxuntos que poñan en valor os principais atributos do destino: a riqueza natural, o patrimonio a cultural, a gastronomía, a paisaxe e a identidade local.
A adhesión está aberta a empresas de aloxamento e restauración, industrias agroalimentarias, guías turísticos, axencias de viaxe, produtores locais, viveiros, artesáns e a todas aquelas entidades que contribúan á xeración de experiencias singulares e de calidade, capaces de diferenciar o territorio nun contexto cada vez máis competitivo.
A posta en marcha do Club responde á vontade de avanzar cara a un modelo turístico máis estruturado, sostible e competitivo. Galicia Suroeste busca establecer criterios comúns que garantan unha experiencia coherente para visitantes e residentes, impulsando a creación de produtos integrados que combinen recursos naturais e culturais e que permitan ofrecer propostas máis completas, atractivas e recoñecibles.
Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende reforzar a marca territorial, posicionando o xeodestino como un espazo diferenciado e sostible dentro do panorama galego e peninsular, capaz de atraer novos públicos e de consolidar a fidelidade dos visitantes habituais.
A través do Club, Galicia Suroeste aspira tamén a incrementar a visibilidade das empresas adheridas, facilitando a súa participación en accións promocionais, campañas conxuntas e feiras especializadas. A creación dunha rede estable de colaboración entre profesionais do sector permitirá compartir coñecemento, identificar oportunidades comúns e impulsar proxectos que contribúan á innovación e á profesionalización do destino.
O Club converterase así nun espazo de encontro e traballo que favorecerá a mellora continua, a coordinación entre actores e a xeración de sinerxías que reforcen o posicionamento turístico do territorio.
As entidades interesadas poderán solicitar a súa incorporación mediante un formulario habilitado polo GDR, no que se recollen os requisitos básicos, os compromisos de participación e os beneficios asociados. Unha vez completado o proceso, pasarán a formar parte da rede oficial de empresas do Club, accedendo a accións formativas especializadas, promoción conxunta, participación en novos produtos turísticos e recursos orientados ao fortalecemento das súas capacidades e á mellora da competitividade.
Para coñecer máis profundamente a iniciativa, Galicia Suroeste conta cun espazo web informativo, dende o cal todas as empresas interesadas poden realizar a súa solicitude de adhesión, https://clubdeproduto.galiciasuroeste.gal/
Esta iniciativa forma parte do PSTD A Despensa de Galicia, financiado con fondos europeos NEXT GENERATION – EU.