Adxudicada a obra de iluminación eficiente e artística da Catedral de Santa María de Tui
Galicia Suroeste ven de adxudicar as obras de iluminación eficiente e artística da Catedral de Santa María de Tui, unha obra destinada a realzar a beleza dun dos monumentos máis importantes do patrimonio galego e a avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro xunto á Presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a Representante Institucional de Xeodestino e alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández visitaron recentemente a catedral e a súa contorna para coñecer de primeira man o alcance da intervención que será iniciada a sinais desta mesma semana.
A intervención, cun orzamento total que ascende a 176.000,00€, permitirá dotar o conxunto catedralicio dun sistema lumínico de última xeración, baseado en tecnoloxía LED de baixo consumo e con criterios de eficiencia, conservación patrimonial e redución do impacto ambiental.
O novo deseño lumínico combinará iluminación funcional e artística, co obxectivo de realzar a arquitectura románica e gótica do templo, destacando elementos como a fachada occidental, o claustro e as torres; reducir de maneira significativa o consumo enerxético, mediante sistemas LED de alta eficiencia e control intelixente; minimizar a contaminación lumínica, grazas a proxectores de precisión e regulación adaptativa e protexer o monumento, evitando emisións térmicas e vibracións que poidan afectar á pedra histórica.
Esta actuación representa un avance importante para reforzar a imaxe cultural e turística de Tui, ao tempo que apostamos por unha iluminación moderna, eficiente e plenamente respectuosa co patrimonio.
Galicia Suroeste prevé iniciar os traballos esta mesma semanas, cun prazo estimado de execución de dous meses, en coordinación coa Diocese e cos organismos responsables da protección do patrimonio histórico
A Catedral de Santa María, Ben de Interese Cultural e símbolo do sur de Galicia, verá mellorada a súa presenza nocturna grazas a esta intervención, que contribuirá a mellorar a experiencia de veciñanza, visitantes e peregrinos, potenciará a imaxe nocturna do casco histórico e integrará ao monumento en rutas culturais e turísticas de maior calidade.
Con este proxecto, Galicia Suroeste e o Concello de Tui reafirman o seu compromiso coa conservación do patrimonio e a eficiencia enerxética. Unha vez máis, actuacións coma esta demostran a importancia da colaboración entre entidades para mellorar a calidade de vida das persoas e para poñer en valor os recursos patrimoniais.
A actuación é financiada nu 80% por Galicia Suroeste a través do PSTD A Despensa de Galicia con fondos Next Generation – UE, e o Concello de Tui aportará un 20% para acadar a execución total do investimento.