Galicia Suroeste e o Concello Fornelos de Montes inician as obras de construción do primeiro miradoiro – observatorio de astroturismo do Destino Starlight de Galicia Suroeste


A colaboración entre Galicia Suroeste, o Concello de Fornelos de Montes e a Comunidade de Montes en Man Común de A Laxe, exemplo de cooperación entre entidades para desenvolver o astroturismo de calidade en Fornelos de Montes.

Logo de meses de traballo, inician as obras para construír o primeiro miradoiro – observatorio de astroturismo do máis recentemente declarado Destino Starlight de Galicia, “Os Ceos de Fornelos de Montes e Oia – Galicia Suroeste”.

Para o desenvolvemento deste proxecto, a cooperación entre as tres entidades implicadas foi fundamental, e nos vindeiros meses, a veciñanza así como persoas visitantes e turistas poderán desfrutar dun espazo deseñado para a contemplación e observación dun dos ceos certificados pola Fundación Starligh, o ceo do Concello de Fornelos de Montes. Esta colaboración público – privada demostra una vez máis a importancia da cooperación para o desenvolvemento e posta en valor dos territorios rurais.

Localizarase na parroquia de A Laxe, na Serra do Suído, lugar onde o ceo conserva unha pureza excepcional, recoñecida pola certificación Starlight. Esta nova infraestrutura permitirá contemplar o firmamento en condicións únicas, desenvolver actividades científicas e educativas e fortalecer un modelo de turismo sostible que respecta a natureza.

Para a súa execución, a Comunidade de Montes en Man Común de A Laxe aprobou en asemblea ceder os terreos para que esta construción sexa unha realidade antes do verán.

O proxecto, redactado polo estudo tudense de arquitectura Erbalunga Estudio, foi deseñado cunha forma circular que permitirá observar o firmamento nos seus 360º.

Contará cunha superficie central de pedra autóctona para o uso de elementos de observación móbiles como telescopios, planisferio interpretativo e elementos de descanso reclinados que facilitarán unha visión relaxada do ceo.

A inversión desta actuación ascende a máis de 60.000,00 € e é financiada por Galicia Suroeste a través do PSTD A Despenda de Galicia, dotado con Fondos NEXT GENERATION – UE.

Este novo equipamento posiciona a Galicia Suroeste e ao Concello de Fornelos de Montes como un destino atractivo para amantes da astronomía e da natureza, contribuíndo ao desenvolvemento do turismo de calidade na zona e á dinamización económica da comunidade local. 

FOTO_PRENSA

Novas relacionadas

Ver todas