A Festa da Carne do Potro de Torroña avanza cara á certificación como evento sostible da man de Galicia Suroeste.
A XVII edición da Festa da Carne do Potro, celebrada este domingo na parroquia de Torroña (Oia), deu novos pasos cara a un modelo de celebración máis sostible grazas ao acompañamento do programa Festa Sostible, impulsado pola asociación Galicia Suroeste Eurural.
Durante o desenvolvemento da festa realizouse unha visita técnica que permitiu identificar boas prácticas e áreas de mellora, co obxectivo de avanzar cara á certificación como evento sostible, promovida polo propio programa. A implicación da veciñanza, a colaboración institucional e o enfoque tradicional do evento foron claves para acadar os primeiros avances.
Entre os aspectos máis destacados desta edición figura o uso de louza reutilizable, a correcta separación dos residuos e a aposta por produtos locais como o potro estofado, o xamón asado ou o pan do país. O evento mantivo ademais o servizo de comida á mesa, apoiado por unha comparsa do Concello de Tomiño que colaborou como persoal voluntario, contribuíndo ao bo desenvolvemento da festa.
A organización da festa correu a cargo da Asociación de Veciños e Veciñas de Torroña, que leva anos traballando para manter viva esta celebración ligada ao aproveitamento tradicional da carne de potro, símbolo do manexo sostible do monte e da identidade do rural galego.
Galicia Suroeste agradece a excelente disposición da organización, do Concello de Oia e de todas as persoas colaboradoras, e anima a seguir traballando na mellora progresiva do evento para que se converta nun referente de celebración con conciencia ambiental e territorial.
“Cada festa que aposta pola sostibilidade está a contribuír a un cambio máis amplo, que conecta identidade local, coidado do medio e futuro do rural”, sinalan desde Galicia Suroeste, que está a desenvolver este programa dentro do PSTD “ A Despensa de GALICIA”, que conta coa financiación do PRTR - NEXT GENERATION UE.