Galicia Suroeste presenta en Mos unha nova edición de “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural baseada nas historias das persoas que transforman e manteñen vivo o rural.


No acto estiveron presentes as persoas protagonistas desta edición e representantes dos concellos que forman parte de Galicia Suroeste.

Parte de ti celebra o seu sétimo ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás do rural. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar, baseándose nas historias das persoas que están detrás dos produtos e servizos que temos a disposición na nosa contorna. 

A presentación tivo lugar en Esteban Selección Culinaria, en Mos, este martes día 7 de xullo ás 19:30 horas e estivo dirixida por Julia Loureiro, concelleira en Mos da área de Desenvolvemento Económico.

O acto deu comezo cunha peza audiovisual resumo dos 7 anos que Galicia Suroeste leva promocionando ás persoas que deciden emprender e quedarse no rural, ofrecendo o mellor delas e a súa profesionalidade, tanto á poboación local como a todas aquelas persoas que visitan o territorio.

Tras estas imaxes coas que se quixo recordar a todas as persoas que teñen participado nas edicións anteriores, tomou a palabra a rexedora de Mos, Nidia Arévalo quen destacou a importancia de poñer en valor tanto ás persoas como os produtos locais. Amosou a sua satisfacción por acoller tan importante acto para os 14 concellos do Xeodestino, resaltando que “é un verdadeiro orgullo para o noso concello que a historia do noso veciño Ricardo García de Aica Cerámica, sexa a protagonista para o lanzamento de Parte de ti 2026”.

“A campaña consolídase como unha das iniciativas máis queridas e recoñecidas pola veciñanza, e naceu cun obxectivo claro: poñer en valor o talento, o esforzo, a creatividade e a identidade das persoas que forman parte dos nosos concellos, porque Parte de Ti non é só un lema, é unha declaración de principios. Significa que os concellos medramos grazas á súa xente, a cada persoa que aporta, que colabora, que crea, que impulsa, e que fai posible que avancemos” destacou a alcaldesa de Mos.

Seguidamente tomou a palabra Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, quen destacou a grande importancia da rede creada neste 7 anos, que aglutina a case 70 empresas e persoas emprendedoras que xa forman Parte de Ti. “O importante da campaña é que contamos verdade, realidades, historias de vida…e o máis gratificante para Galicia Suroeste é conseguir esta comunidade que se recoñece, colabora e se sinte parte dunha nova filosofía de vida que está a xurdir no rural, onde o noso territorio e a nosa calidade de vida son fundamentais para que o noso país siga avanzando de forma sostible”, salientou a presidenta do grupo de desenvolvemento rural.

A continuación proxectouse a historia de Ricardo García de Aica Cerámica de Mos, quen na súa intervención non puido conter a emoción por ter sido escollido como protagonista e lembrou todo o traballo familiar para levar adiante este proxecto que iniciou o seu avó cando regresou da emigración dende Cuba. 

Para pechar o acto interviñeron Felipe Ferrero, xefe da Área Provincial de Pontevedra de Turismo de Galicia e a alcaldesa de Mos, quen agradeceu a asistencia de alcaldes e alcaldesas, así como dos restantes representantes dos concellos de Galicia Suroeste, e sobre todo, a asistencia e a participación de todas as persoas protagonistas da campaña neste ano, destacando a súa importancia para manter vivo o noso rural, sen elas e eles esta campaña non podería ser feita.

Nas vindeiras semanas Galicia Suroeste irá lanzando tanto na súa web como nas redes sociais as 8 historias que este ano formarán parte da campaña Parte de ti 2026.

FOTO_WEB

Novas relacionadas

Ver todas