A Festa do Choco de Redondela reafírmase como exemplo de celebración sostible grazas ao impulso de Galicia Suroeste.
A vila de Redondela celebrou esta fin de semana unha nova edición da súa emblemática Festa do Choco, declarada de interese turístico autonómico, que este ano consagrou a súa XXXVIII edición, enchendo as rúas de sabor, tradición e compromiso co territorio. Ao abeiro de Galicia Suroeste, a festa deu un paso máis na súa transición cara a un modelo de celebración sostible, coidando tanto da contorna como da experiencia das persoas asistentes.
Durante toda a fin de semana, instaláronse contedores específicos para facilitar a separación de residuos, adaptados aos espazos de maior afluencia. Ademais, desenvolveuse unha campaña de sensibilización ambiental que animou ao público a colaborar activamente depositando os residuos nos colectores correspondentes.
Un dos elementos máis salientables desta edición foi a implicación directa dos restaurantes participantes, cuxo persoal de sala colaborou na limpeza das mesas e na correcta separación dos residuos xerados. Esta coordinación entre a organización, os locais de hostalería e a cidadanía foi clave para garantir unha xestión eficiente e responsable.
A acción está aliñada cos obxectivos estratéxicos de Galicia Suroeste, promovendo a sostibilidade como sinal de identidade dos eventos do territorio. A colaboración co tecido local, a redución do impacto ambiental e a educación cidadá foron piares fundamentais desta edición, que marca un novo fito no camiño cara a festas máis conscientes e respectuosas co medio.
Redondela demostra así que é posible celebrar con responsabilidade, sumando esforzos e proxectando unha imaxe de futuro baseada na sostibilidade, na calidade e no orgullo de pertenza.
