A Festa do Viño do Rosal 2025 dá un paso decisivo cara á sostibilidade coa implantación do vaso reutilizable
A XXXIII edición da Feira do Viño do Rosal, celebrada esta fin de semana na Praza do Calvario, consolidouse como un referente das festas galegas tanto pola súa oferta enoturística como polo seu firme compromiso coa sostibilidade, grazas á adhesión ao proxecto Festas Sostibles, impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste, financiado con fondos NEXT GENERATION-UE, a través do PSTD “A Despensa de Galicia”.
Este ano o evento incorporou múltiples accións innovadoras para avanzar cara a un modelo máis responsable e coidadoso co medio. A principal novidade foi a implantación dun sistema de vasos reutilizables para todas as bebidas, ademais do tradicional cataviños. Esta medida tivo un impacto inmediato, permitindo reducir de forma moi significativa a cantidade de residuos xerados durante o evento.
Ademais, dispoñéronse tres fontes de auga gratuíta na praza, e un dos postos de venda de cataviños de viño distribuíu auga a todas as persoas asistentes que se achegaron, fomentando o consumo responsable e accesible de bebidas sen xerar envases de un só uso.
No eido gastronómico, tamén se deu un paso adiante na liña marcada por Festas Sostibles: todo o packaging empregado foi 100 % sostible, fabricado con materiais reciclables como papel e cartón. O único caso diferente foi o do polbo á feira, que se serviu en pratos de madeira reutilizables, mantendo a tradición sen renunciar ao coidado ambiental.
A feira mantivo ademais accións complementarias como a separación de residuos, a promoción da mobilidade sustentable con reforzo do transporte colectivo e actividades educativas como o escape room “Segredos entre barricas” ou un posto de sensibilizacion para a separación de residuos e taller de compostaxe.
A organización, a cargo do Concello do Rosal e da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, recibiu o apoio e recoñecemento do proxecto Festas Sostibles, que realizou un seguimento técnico durante a celebración. Desde Galicia Suroeste felicítase o esforzo realizado, salientando que “O Rosal aplicou a maior parte das recomendacións do noso programa, demostrando que é posible celebrar con identidade e conciencia ambiental”