Galicia Suroeste e Redondela avanzan cara a un futuro sostible coa rexeneración integral da enseada de San Simón
A enseada de San Simón, un dos tesouros naturais de Galicia incluído na Rede Natura 2000, protagonizará unha transformación estratéxica para a prevención de danos ao ecosistema deste espazo natural protexido como consecuencia das inundacións provocadas polo cambio climático. Galicia Suroeste e o Concello de Redondela veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro desta contorna, levando a cabo accións cruciais para protexer este enclave único.
A iniciativa contará cun investimento de máis de 18.000 euros financiados de forma íntegra por Galicia Suroeste ao abeiro das inversións para a adaptación ao cambio climático e prevención e xestión de riscos específicos dos territorios de costa do Xeodestino, que se enmarca na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.
A presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, destacou a importancia de proxectos como este, co que “non só reforzamos a nosa aposta pola preservación ambiental, senón que poñemos en valor o noso patrimonio natural, impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente. Unha relevancia na que tamén incidiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas: “A enseada de San Simón é un legado ambiental de incalculable valor e o noso compromiso é protexela para as xeracións futuras, garantindo un uso sostible e equilibrado deste espazo”.
O proxecto inclúe a retirada manual de especies invasoras e de residuos sólidos urbanos nunha área de 15.000 metros cadrados na zona supralitoral da praia de Cesantes. Por unha banda eliminaranse da zona dunar e circundantes os exemplares de Artotheca Calendula para restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que que está xerando unha perda de espazo para as especies nativas e rompendo a conectividade ecolóxica básica.
Por outro lado, limparase a zona dunar do area de residuos sólidos urbanos que frean os restos de arribazón de algas e outra materia natural necesaria para nutrir a outras especies. Para iso peitearase a zona supramareal para a súa limpeza, contribuíndo así a restaurar a súa funcionalidade ecolóxica e favorecer o uso recreativo, educativo e turístico da contorna. Estes dous labores remataranse en marzo de 2025.
Ao abeiro do proxecto tamén se levará a cabo ata abril de 2025 un inventariado xeral de especies de flora e fauna autóctonas en 80.000 metros cadrados da propia enseada de San Simón, zonas adxacentes á praia de Cesantes, o Paseo da Portela e Punta Socorro. Ademais de na flora, este inventario centrarase en especies de aves observables e naquelas especies de anfibios, réptiles e mamíferos que poden ser observables por persoas usuarias e turistas de forma fácil para a súa posta en valor.
A iniciativa inclúe a creación dunha guía didáctica en formato dixital que permita a divulgación e repercusión do proxecto e o seu impacto entre as e os turistas que visiten o destino, como a posta en valor do espazo natural con vistas á promoción de novos produtos turísticos sostibles.
