Galicia Suroeste impulsa unha edición sostible e con sabor local da Festa do Xurelo Asado de Chaín, Gondomar.
A última edición da Festa do Xurelo Asado, celebrada esta fin de semana en Gondomar, deu un paso adiante cara á sostibilidade coa incorporación de medidas exemplares que lle permitirán acadar a certificación das Festas Sostibles dentro do programa impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, grazas ao PSTD “A Despensa de Galicia” financiado con fondos NEXT GENERATION-UE.
Durante a celebración realizouse unha visita técnica que permitiu identificar boas prácticas, especialmente en aspectos como a contenerización dos residuos, a súa sinalización e a disposición dun punto de auga gratuíto para o público, moi valorado nun día de intensa calor como o do domingo.
A organización apostou por un sistema de respecto coidadoso co medio: moitas persoas decidiron levar o xurelo para comer na casa, ofrecéndose en bandexas de aluminio con tapa de cartón, completamente reciclables. Todo o menaxe utilizado ao longo da festa cumpría criterios de sostibilidade.
No plano gastronómico, a festa puxo en valor o produto local procedente da lonxa de Vigo, ofrecendo distintas elaboracións co xurelo como protagonista: croquetas, tortilla, empanada e o tradicional asado ao momento sobre as brasas. As empanadas foron preparadas durante a mesma semana, empregando pezas grandes para o recheo, mentres que as máis pequenas destináronse á grella, garantíndose así un uso eficiente do produto e un sabor auténtico.
Desde Galicia Suroeste salientan o excelente traballo da organización e animan a seguir avanzando neste modelo de celebracións que reforzan o vínculo entre identidade, territorio e sostibilidade.
“A festa do xurelo asado demostra que é posible combinar tradición, sabor e coidado ambiental sen renunciar á autenticidade”, destacan desde a organización.