Galicia Suroeste inicia os traballos de certificación das súas festas sostibles


A iniciativa, pioneira en Galicia busca ser un referente na responsabilidade compartida e na loita contra o cambio climático.

Galicia Suroeste fai balance dos resultados obtidos da implantación de 5 proxectos piloto no territorio, para acadar un compromiso coa sostibilidade ambiental e inicia os traballos para certificar 14 novas festas.

No pasado 2024, a entidade en colaboración cos concellos e as comisión e asociacións de festas, puxeron en marcha 5 pilotos, que permitiron testar un protocolo de certificación, así como crear unha guía de implantación de festas sostibles para o territorio. O modelo contempla varias fases de traballo que son iniciadas coa análise exhaustivo de cada unha das festas, a importación dunha formación específica con protocolos de actuación, así como da comprobación in situ das medidas implantadas e a consecución dos obxectivos para ser certificada como Festa Sostible por Galicia Suroeste. Como resultado da certificación emítese tamén un plan de mellora personalizado para seguir acadando obxectivos na busca da sustentabilidade medioambiental total.

As festas certificadas a través destes pilotos foron “Ovos Friitos con Chourizo” en Nigrán, “Festa da Chula” en Moscoso (Pazos de Borbén), “Festa da Zorza” da Ventín (Fornelos de Montes), “Festa dos Callos” en O Porriño e as “Xornadas Micolóxicas” en Mos.  

A nova fase do proxecto, consistente na implantación da guía de certificación nas 14 festas mais importantes e representativas do territorio, comezará o vindeiro día 28 de febreiro en Tomiño, coa certificación do “Entroido de Goián”.

As seguintes datas serán a “Festa da Cacheira” en Pazos de Borbén; a “Festa da Ostra” en Soutomaior; o “Encontro de viños da Raia” en Tui; a “Festa do Choco” en Redondela; a “Festa da Empanada de Pan de Millo” en Mos; a “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” en A Guarda; a “Feira do Viño do Rosal”; a “Festa Gastronómica da Chanfaina e da Carne do Suído” en Fornelos de Montes; a “Festa do Xurelo Asado” en Gondomar; a “Festa dos Ovos Fritos con Chourizo” en Nigrán; a “Festa e degustación da Carne de Potro de Torroña” en Oia; a “Festa dos Callos” en O Porriño e a “Festa de Interese Turístico Internacional da Arribada” que será certificada na edición do vindeiro ano.

Algunhas das festas coas que se traballará este ano, xa acadaron a certificación de compromiso coa implantación dos pilotos. Nestes casos, os traballos serán enfocados cara a acadar novos obxectivos no compromiso, establecidos no plan de melloras específicas para cada festa.

Galicia Suroeste ven de adxudicar o contrato para a realización dos traballos de implantación o pasado 7 de febreiro, e tamén contempla a formación e capacitación do equipo técnico, que será o responsable da implantación da certificación a partir do vindeiro ano. Poderán solicitar participar todas as festas existentes nos 14 concellos que forman parte do ámbito territorial (Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Redondela, Mos, O Porriño, Mos, Nigrán, Gondomar, Baiona, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui), tanto organizadas polos concellos como organizadas por asociacións e comisións de festas privadas.

Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos da Unión Europea – Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation, a entidade, os concellos e o tecido asociativo do territorio, ratifican o seu compromiso na loita contra o cambio climático e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

foto_ostras_b

Novas relacionadas

Ver todas