O Entroido de Goián convértese na súa 70 edición nunha Festa Sostible de Galicia Suroeste


É a primeira festa certificada neste 2025, e continuará a dar pasos no seu compromiso coa sostibilidade nas vindeiras edicións.

Goián vén de acoller con gran éxito a 70 edición do seu tradicional Entroido, que este ano deu un paso máis ao converterse nunha auténtica Festa Sostible. Esta celebración, de fonda tradición na localidade, logrou manter o seu carácter festivo e cultural ao tempo que apostou por un modelo de evento máis respectuoso co medio ambiente.

Nesta edición, a festa implantou con éxito a guía de certificación de Festa Sostible de Galicia Suroeste. Implantaron concretamente accións como, a recollida separada dos residuos, garantindo unha xestión ambiental exemplar. Para facilitar a separación de residuos a todas as persoas asistentes, instaláronse illas de reciclaxe dentro da carpa da festa, permitindo unha xestión máis eficiente e cómoda para o público.

Un dos maiores logros foi a consecución de residuo orgánico 0, grazas a un sistema innovador no que os biorresiduos foron destinados a diferentes usos: unha parte foi aproveitada como alimento para animais en varias casas da contorna; mentres que o restante foi xestionado nun composteiro comunitario. Este esforzo evitou que os refugallos orgánicos acabasen en vertedoiros, promovendo un ciclo de aproveitamento sostible.

Ademais, eliminouse por completo o uso de plásticos dun só uso, reducindo significativamente a pegada ecolóxica do evento. Tamén se habilitou un punto de auga accesible gratuíta para o público, minimizando a necesidade de envases desbotables e fomentando o consumo responsable.

A transformación sostible do Entroido de Goián foi posible grazas ao esforzo conxunto da Comisión do Entroido de Goián e do Concello, que traballaron para que a festa fose máis respectuosa co medio ambiente, sen perder a súa esencia e identidade cultural. 

No marco da festa, ademais da programación habitual, levouse a cabo unha formación específica de implantación da guía de sostibilidade de Galicia Suroeste para as persoas organizadoras e colaboradoras, co obxectivo de mellorar a xestión sostible nas vindeiras edicións. Esta sesión permitiu afondar en aspectos clave como a redución de residuos, a xestión dos materiais utilizados e a implicación da comunidade nun modelo de evento máis sostible.

O éxito do Entroido Sostible de Goián é un exemplo de que é posible gozar da cultura e da gastronomía dun xeito sostible. 

A iniciativa "Festa Sostible" enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea - Next Generation EU. O obxectivo é minimizar o impacto ambiental das festas mediante a correcta xestión de residuos, a promoción de produtos locais e ecolóxicos e a incorporación de boas prácticas sostibles na organización dos eventos. A implantación do proxecto no territorio, é unha aposta por transformar as festas en eventos sostibles, avanzar no compromiso ambiental e na loita contra o cambio climático, apoiar o mantemento e divulgación das tradicións, do patrimonio e da cultura, e reforzar a creación de produtos turísticos sostibles e de calidade.

A vindeira cita coas Festas Sostibles de Galicia Suroeste chegará esta mesma fin de semana, o domingo día 9, na tradicional e popular XXIV Festa da Cacheira de Pazos de Borbén.

Foto_entroido_goián

Galería fotográfica das Festas de 2025

GOIÁN PAZOS_1 PAZOS_2 PAZOS_3 SOUTOMAIOR_1 SOUTOMAIOR_2 SOUTOMAIOR_3 SOUTOMAIOR_4 TUI_1 TUI_2 TUI_3 TUI_4 foto_prensa thumbnail_IMG_7818 thumbnail_IMG_7861 thumbnail_IMG_7871 WhatsApp Image 2025-06-16 at 11.00.40 Festa_empanada_sostible (3) Festa_empanada_sostible (1) Festa_empanada_sostible (2) WhatsApp Image 2025-06-16 at 10.48.33 IMG_9371 IMG_9437

Novas relacionadas

Ver todas