O IV Encontro de Viños da Raia consolídase como un evento sostible e transfronteirizo ao abeiro de Galicia Suroeste
O Mercado de San Antonio de Tui acolleu a pasada fin de semana o IV Encontro de Viños da Raia, un evento que volveu converter o viño nun punto de encontro entre Galicia e o Norte de Portugal. Enmarcado nas Festas de San Telmo, o encontro reuniu a 12 adegas do Miño e do Minho, apostando por unha programación de calidade e un modelo de celebración sostible, coherente cos principios que promove Galicia Suroeste.
A pesar do cambio de localización debido á choiva, o evento desenvolveuse con éxito no Mercado de San Antonio, e a aposta foi moi ben acollida polas persoas asistentes. Foi unha aposta gañadora ao contar con todos os servizos e espazos gastronómicos que acompañaron a degustación dos viños raianos. Participaron adegas de Tui, O Rosal, Arbo, Salvaterra de Miño, Valença de Minho e Melgaço.
A programación, totalmente gratuíta e con prazas limitadas mediante inscrición previa, incluíu catas comentadas, showcookings e espazos divulgativos arredor da cultura vitivinícola da raia. O sábado celebrouse o II Concurso de Cata Amateur guiado polo sumiller Sebaristas, mentres que o domingo tivo lugar un showcooking a cargo do chef Javier Freijeiro e unha cata histórica dirixida polo enólogo tudense Manuel Areal. O peche veu da man da presentación "Vinhos do Atlântico", a cargo da veciña vila de Valença de Minho.
O Encontro de Viños da Raia fixo todo o necesario para ser recoñecido como Festa Sostible. Aplicáronse medidas de redución da xeración de residuos, impulsouse o uso de produto de proximidade e promoveuse a economía circular a través de materiais reutilizables e comunicación responsable. O Concello, organizador do evento contou con persoal propio para a selección de residuos durante o evento, así como para manter o espazo limpo e atractivo para todas as persoas que asistiron ao encontro durante os dous dias. Ademáis, por primeira vez nun evento promovido ao abeiro de Galicia Suroeste, tamén se tiveron en conta medidas para a selección de residuos xerados polas mascotas domésticas, xa que non deben depositarse no colector marrón, reservado para restos orgánicos compostables.
Galicia Suroeste suma xa a súa quinta Festa Sostible con este IV Encontro de Viños da Raia, e a organización deste evento aliñouse cos obxectivos estratéxicos de Galicia Suroeste no seu programa, que busca xerar produto turístico de calidade, sostible e que poña o foco no produto local, na cultura e nas tradicións.
Un ano máis, Tui reforza o seu papel como cidade de encontro entre culturas, demostrando que é posible celebrar con responsabilidade, con orgullo de territorio e con viños que falan dunha paisaxe compartida a ambos lados do río.
