Regresa o proxecto RURALMENTE de Galicia Suroeste con tres novas accións formativas durante este mes de maio.
O vindeiro luns abrirán as inscricións para participar nas xornadas formativas do Proxecto Ruralmente, liderado por Galicia Suroeste en colaboración co GDR Límia – Arnoia e a Asociación para el Desarrollo Integral del Valle del Ambroz en Extremadura.
O proxecto, que ten por finalidade poñer en valor produtos agroalimentarios únicos e de gran calidade dos territorios socios, chega ao seu fin coa realización de tres actividades formativas no territorio de Galicia Suroeste.
Este propio mes de maio, serán realizadas as charlas formativas, que serán impartidas nos concellos de Pazos de Borbén, Soutomaior e Tui. A participación será gratuíta e poderán participar todas aquelas persoas que realicen a inscrición previa na web galiciasuroeste.gal ata completar as prazas existentes.
A primeira das xornadas será o día 19 de maio na Casa Cultural de Xunqueiras, en Pazos de Borbén. A temáticas da xornada versará ao redor da importancia das marcas de calidade na transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios. Contará coa participación do persoal técnico de Galicia Suroeste e das persoas que participaron na posta en marcha do proxecto Ruralmente o agosto pasado na Casa da Costa. As persoas asistentes poderán asistir á estrea do documental gravado na Casa da Costa, no que a tradición panadeira, a emigración e a arquitectura indiana cobraron o protagonismo durante 2 días na parroquia de Xunqueiras.
A seguinte cita será o mércores 20 de maio no Centro Neural de Arcade, en Soutomaior. A temática desta xornada centrarase na creación de experiencias turísticas vencelladas a produtos agroalimentarios de calidade. Contará coa participación de 3 empresas de referencia en Galicia, tanto pola calidade dos seus produtos agrarios, como polas experiencias turísticas xeradas sobre as súas producións. Contará cunha sesión práctica, que levará ás persoas asistentes a desfrutar dunha experiencia enoturística no propio concello de Soutomaior.
E a derradeiras das xornadas celebrarase en Tui, no Centro Socio Cultural da Rúa Camilo José Cela, e terá como temática principal a comercialización e marketing para os produtos do rural. Será impartida por profesionais do sector da imaxe e a comunicación e contará con talleres prácticos e estudo de casos de éxito. Para rematar a xornada, realizarase unha visita de estudo a unha empresa local, referente en deseño, marca e marketing dixital.
O proxecto Ruralmente é financiado a través de fondos da PEPAC 2023-2027 – FEADER.