O sector primario de Galicia Suroeste enriquecerá a oferta turística do destino.


O éxito do club radicará na implicación das empresas do sector primario e da xeración de sinerxías e traballo en rede coas empresas turísticas do destino.

Involucrar ás empresas do sector primario na actividade turística para enriquecer a oferta do destino. Esta á premisa de partida do novo club de produto turístico que está a impulsar Galicia Suroeste.

O evento de lanzamento tivo lugar este xoves, 15 de maio, na adega Terras Gauda e contou coas intervencións de Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño; e  Luciano Otero, representante institucional do xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén. 

Estiveron presentes tamén o alcalde de Nigrán, Juan González, e a concelleira de Mos e representante na directiva da entidade Julia Loureiro; a tenente de alcaldesa de Redondela Rita Pérez, a tenente de alcalde de Tui, Ana Núñez; o tenente de alcaldesa de Mos, Leo Costas, xunto á concelleira de O Porriño Vanessa Ucha.

Representantes dos concellos que forman o destino acompañaron no acto aos verdadeiros e verdadeiras protagonistas deste novo proxecto que dará continuidade ás accións postas en marcha ata o de agora por Galicia Suroeste, onde a sostibilidade, a desestacionalización, a redistribución do fluxo turístico así como a aposta pola economía circular e o produto local centran os esforzos na planificación do desenvolvemento turístico que quere o xeodestino e os 14 concellos do sur da provincia de Pontevedra implicados.

Esta iniciativa aglutinará a empresas, organizacións e institucións de ambas cadeas de valor, coa aspiración de impulsar a creación e comercialización de experiencias que conten co sector primario como elemento central, de tal forma que se potencie a súa complementariedade co resto de recursos turísticos da contorna.

A aposta por experiencias turísticas innovadoras e sostibles permitirá dar a coñecer a realidade económica e social do territorio, co obxectivo de atraer a visitantes con capacidade de desestacionalización e con predisposición a estadías máis longas no destino.

Galicia Suroeste centra así os seus esforzos en dar a coñecer o territorio desde outra realizade, permitindo a todas aquelas persoas que nos visiten coñecer ademais do atractivo patrimonial, paisaxístico e natural, unha actividade económica que nos caracteriza e diferencia doutros destinos e que ao logo dos anos ten modelado o territorio cos seus cultivos e explotacións. 

O agro é un sectores moi importante tanto na zona sur, con numerosas explotacións, viveiros, adegas, e produtores e transformadores de produtos procedentes do sector primario, como na zona norte, cunha maior representación da actividade gandeira de excelentes produtos cárnicos criados nas nosas zonas de montaña, sen esquecer a actividade artesanal do destino, que conta con recoñecidos artesáns e artesás, premiados tanto a nivel nacional como autonómico.

Esta será unha aposta arriscada, pero se algo caracteriza a acción turística de Galicia Suroeste é a de promocionar e ofrecer a realizade do territorio, así como a posibilidade de interactuar coas súas xentes, sen filtros, modelos e guións.

O club de produto, que nace ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A despensa de Galicia”, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea - Next Generation EU, vinculará aos sectores primario e turístico co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sostible e á competitividade das empresas do ámbito rural. 

foto_inicnio_clubprodutoagro

Novas relacionadas

Ver todas