O sector primario de Galicia Suroeste avanza cara á creación do club de produto turístico.
O proxecto de creación dun club de produto turístico vencellado ao sector primario, impulsado pola Asociación Galicia Suroeste, continúa a dar pasos decisivos cara á súa materialización. Esta semana tiveron lugar as dúas primeiras mesas de traballo que deron comezo ao proceso participativo.
A primeira sesión tivo lugar o martes 2 de xullo na Casa do Concello de Tomiño, mentres que a segunda se celebrou o mércores 3 no Novo Mercado de San Antonio, en Tui. En ambas citas púxose en valor a necesidade de crear sinerxías entre os sectores primario e turístico para construír un produto turístico diferencial, centrado nos valores da autenticidade, a sostibilidade e o aproveitamento responsable dos recursos locais.
Estes encontros reuniron a profesionais do sector agroalimentario, da artesanía e do turismo para identificar de maneira colaborativa as fortalezas, necesidades e oportunidades chave arredor das que artellar esta nova iniciativa. En total, participaron case unha trintena de profesionais.
Durante estes encontros, os asistentes puideron compartir propostas, detectar necesidades comúns e sinalar os principais retos que afronta o territorio de Galicia Suroeste na súa vinculación co turismo. O diálogo xerado permitiu identificar liñas de acción prioritarias e oportunidades de colaboración, nun ambiente de traballo construtivo e participativo que puxo de manifesto o interese colectivo por avanzar cara a un modelo turístico máis sostible, diverso e vinculado ao territorio.
Estas mesas constitúen un primeiro chanzo cara á creación dun club de produto turístico, que nace co obxectivo de integrar na oferta turística a actividade agrícola, vitivinícola, artesanal e gandeira do Baixo Miño, ofrecendo experiencias innovadoras que contribúan á desestacionalización do destino, fomenten estadías máis longas e promovan a economía circular e o consumo de proximidade.
O proceso continuará nas vindeiras semanas con novos encontros e accións destinadas a consolidar a rede de axentes implicados e definir as primeiras propostas concretas que darán forma ao club, co obxectivo de establecer unha estratexia común que fortaleza a cooperación intersectorial e favoreza a innovación no destino.
A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. A súa implementación está liderada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, en coordinación cos 14 concellos que integran o xeodestino.
A celebración destas mesas constitúe o punto de partida para a definición dun modelo colaborativo e territorialmente enraizado, que aspira a situar os produtos locais como motor de desenvolvemento turístico e ferramenta para a cohesión social e a valorización da identidade local.
