Galicia Suroeste porá en valor a Lagoa de Orbenlle nas Gándaras de Budiño, a través dunha nova actuación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”
Galicia Suroeste e o Concello de O Porriño poñen en marcha unha nova intervención de posta en valor do patrimonio natural do Xeodestino, grazas á financiación procedente do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos Next Generation – UE.
Alejandro Lorenzo, alcalde de O Porriño, acompañado polo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, visitaron no día de hoxe as obras, iniciadas a principios do mes de outubro para comprobar de primeira man os avances nesta intervención que busca dar visibilidade a espazos naturais e paisaxísticos de importante valor.
Con esta intervención preténdese poñer en valor os elementos singulares do patrimonio natural do Porriño, neste caso concretamente a transformación dunha barreira artificial hoxe en día naturalizada e encadrada dentro da Rede Natura 2000 das Gándaras de Budiño.
En concreto, os obxectivos desta actuación son a protección e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas da lagoa, e a ordenación dos usos recreativos deste espazo. A lagoa existente, unha chaira de orixe artificial orixinada pola actividade extractiva de axillas e que se naturalizou co paso do tempo, constitúe a día de hoxe un recurso ambiental moi importante.
O espazo, a pesar de ser numerosas as visitas que recibe, carece das infraestruturas necesarias para facer seguras as visitas, non dispón de información sobre o seu valor ambiental, e non se pode percorrer todo o seu perímetro, xa que na parte sur a auga ocupa as parcelas adxacentes impedindo o paso.
A actuación que actualmente se está a acometer, consolidará este espazo como un entorno a preservar e protexer. As actuacións concretas que se están a executar son a eliminación dunha antiga edificación en mal estado herdada da época extractiva, a limpeza e acondicionamento dos accesos á lagoa, así como a colocación dunha pasarela sobre o espazo inundable que permite percorrer o seu perímetro completo. Xunto a esas actuacións de unidades de obra, a intervención contempla tamén a colocación de varios elementos de interpretación e información sobre o ben natural, así como da biodiversidade existente, sobre a que destaca o sapoconcho común, especie en perigo que pode atopar na recuperación deste espazo o hábitat idóneo para a súa expansión.