Galicia Suroeste presenta a súa nova imaxe de marca en FITUR con “Para Lembrar”
Galicia Suroeste presentará o seu destino e a nova marca turística na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, a través da campaña “Para Lembrar”. O vindeiro xoves 23 de xaneiro ás 16:50 horas, os concellos do territorio volverán estar nun dos principais encontros do sector turístico de Europa para conquistar ao público coas bondades dun territorio ao que sempre queres volver, e como ben indica a campaña “é para lembrar”.
Nesta ocasión, son varias as persoas vinculadas con Galicia Suroeste as que narran a través de imaxes, fotografías, debuxos e música, todo o que podes atopar nun destino único e inigualable.
A emocionante peza audiovisual conta este ano coa participación dun músico local de recoñecemento internacional, que adaptou una peza musical da nosa tradición galega especialmente para esta composición, e do que desvelaremos a súa identidade proximamente.
Tamén participaron unha parella de artesáns da papelaría e o debuxo, que acompañan coa súa visión e bo facer a xeración deses recordos e a súa inmortalización a través da fabricación artesanal dun álbum.
E na propia presentación en FITUR, participará unha periodista recoñecida a nivel nacional e internacional, orixinaria do Baixo Miño e que garda grandes recordos da súa terra natal á que sempre intenta regresar ano tras ano.
No acto intervirán Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e Alcaldesa de Tomiño e Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén, que se estrea nun acto oficial como novo representante institucional de Galicia Suroeste, dando así o relevo á rexedora de Oia, Cristina Correa.
Por outra banda, á presentación acudirán numerosas autoridades, como as alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 municipios do Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) e representantes doutras institucións estatais, autonómicas e provinciais.
