Galicia Suroeste presenta en Nigrán a nova campaña turística “Única” que levará a FITUR a vindeira semana.


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal é a nova representantes institucional de Galicia Suroeste.

Galicia Suroeste presenta a súa nova campaña de promoción turística “Única” este xoves no Muiño de Porto do Molle, en Nigrán. 

A iniciativa, que marca o inicio da campaña promocional, foi unha primicia para todas as persoas asistentes, que puideron coñecer o contido da campaña e as diferentes accións que serán realizadas neste 2026 desde Galicia Suroeste, no seu afán de diversificar a súa oferta, redistribuír os fluxos entre os diferentes concellos que forman parte desta figura de promoción conxunta, e axudar no desenvolvemento económico e sostible do territorio.

O acto, presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, contou coa intervención da Presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Dna. Sandra González, e a nova representante institucional do Xeodestino, Dna. Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, quen tomou o relevo ao alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero neste acto.

O transcurso da presentación estivo dirixida polo xornalista local Marci Varela e tras o proxección do avance do audiovisual que acompaña a campaña, tomaron a palabra o alcalde de Nigrán, o Presidente do Clúster de Turismo de Galicia, D. Cesáreo Pardal e o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, D. Abel Losada, para pechar o acto.

Nesta ocasión, Galicia Suroeste presentou “Única”, campaña directa, agresiva e rompedora, nun formato máis publicitario, onde as imaxes xeran a necesidade de coñecer e visitar un territorio inigualable. Unha proposta que reivindica a autenticidade e o carácter irrepetible dun territorio único.

A campaña nace co propósito de poñer en valor aquilo que fai especial o suroeste galego: a súa natureza diversa, o seu patrimonio cultural, a súa gastronomía atlántica e o carácter acolledor das súas xentes. O concepto subliña que cada experiencia vivida en Galicia Suroeste é singular, auténtica e imposible de replicar noutro lugar.

Con esta iniciativa, Galicia Suroeste procura consolidarse como un destino atractivo para un turismo responsable, que respecte o territorio e contribúa ao desenvolvemento económico local. A campaña estrutúrase arredor de catro eixos fundamentais, a natureza, a identidade, a cultura e a historia.

Á presentación acudiron numerosas autoridades, como as alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos municipios do Xeodestino, representantes da xunta directiva de Galicia Suroeste, o Presidente do Clúster de Turismo de Galicia e o Subdelegado do Goberno.

O vindeiro xoves 22 de xaneiro ás 17:50 horas, os concellos do territorio volverán estar en FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa para conquistar ao público coas bondades dunha terra, como ben indica a campaña “Única”. Aínda que o avance foi realizado xa no territorio, a entidade garda algunha pequena sorpresa para as persoas que se intereses polo destino en Madrid.

A campaña promocional, así como os actos de presentación contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio de colaboración entre Galicia Suroeste e a Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e a dinamización do Xeodestino.

FOTO_PRESENTACIÓN_ÚNICA

Novas relacionadas

Ver todas