Galicia Suroeste presenta a súa nova imaxe de marca en FITUR con “Para Lembrar”


Narra un percorrido pausado e contemplativo, emulando as texturas das antigas películas gravadas en super8 e cunha banda sonora que versiona unha das obras clásicas da canción popular galega.

Galicia Suroeste da un paso máis na súa estratexia de promoción turística, presentando en FITUR a súa nova imaxe de marca. Un nome que describe o súa posición xeográfica e que pode considerarse mais inclusiva xa que representa a todos os concellos das catro comarcas que o conforman; o Baixo Miño, o Val Miñor, a Louriña  e parte da comarca da Ría de Vigo.

A presentación contou coa presenza e participación de dúas persoas, destacadas no ámbito xornalístico e no musical.

María Rey, xornalista con raíces no territorio e importante bagaxe profesional, foi a persoa encargada de dirixir a presentación, amosando o seu cariño e orgullo pola terra na que viviu e á que sempre quere volver; e o trompetista recoñecido internacionalmente Rubén Simeó, que foi o encargado de poñer a banda sonora á nova campaña, versionando e interpretando en exclusiva a obra Quen puidera namorala, poema de Álvaro Cunqueiro coa partitura do autor Luís Emilio Batallán.

Galicia Suroeste quere competir no mercado turístico sabedora da súa potencialidade, sendo un territorio que contén todo aquilo que pode conseguir o goce daqueles que queren pasar unhas xornadas Para Lembrar.

“Vivimos á beira do mar, do océano Atlántico. Formamos parte da ribeira do río máis importante do país, o Miño. Temos un clima privilexiado. Portamos e somos herdeiros e herdeiras de valores culturais milenarios. Somos unha terra onde a gastronomía e o produto son un referente. Formamos parte dun territorio fronteirizo con Portugal, un país irmán. Formamos parte, en definitiva, dun territorio e dunha paisaxe que deixa pegada”, salientou durante a presentación Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño. 

Da man de Noelia e Ramón do estudo artesán Papelier, Para Lembrar narra un percorrido pausado e reflexivo polo territorio, que fai que nos metamos noutra época, a das fotografías en formato polaroid,  e nun mundo no que xa case ninguén constrúe ou garda as súas fotografías nun álbum.

“Xuntos e xuntas somos mellores e máis fortes”, foi a mensaxe que trasladou ao público asistente o novo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero. “Ese é o enfoque e a estratexia que estamos a seguir  como destino turístico, con elementos propios que nos fan diferentes. Participamos colectivamente e queremos explicar todos os valores que engloban este lugar  para seguir medrando conscientemente, sen présa, paso a paso, pero tamén reflexionando sobre o modelo turístico que queremos”.

A presentación rematou coa proxección do audiovisual “Para Lembrar” ao que deron paso conxuntamente María Rey e Rubén Simeó e coa entrega dun agasallo a todas as persoas asistentes, consistente nun pequeno leporello realizado artesanalmente con imaxes do territorio en formato polaroid editado especialmente para a presentación en FITUR.

A presentación tamén contou coa presenza das alcaldesa e alcaldes do territorio; Paco Ferreira, de Gondomar; Juan González, de Nigrán; Ánxela Fernández, do Rosal; Digna Rivas, de Redondela; Enrique Cabaleiro, de Tui; Roberto Álvarez Carrero, da Guarda e Manu Lourenzo, de Soutomaior, así como dos concelleiros e concelleiras Sara Cebreiro e Julia Loureiro, de Mos; Sheila González, de Baiona; Ana Núñez, de Tui; Rocío Goberna, de Gondomar; Rita Pérez, de Redondela; Silvia Cernadas, de Soutomaior; e Isidro Lomba e Óscar Alonso da Guarda. 

Ao acto tamén asistiron numerosas autoridades, como representantes de Turismo de Galicia, a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; ou o Presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

foto_pres_fitur_b

Novas relacionadas

Ver todas