O Porriño consolida o seu compromiso coa sostibilidade na XXXII Festa dos Callos, renovando a certificación de Festa Sostible co apoio de Galicia Suroeste Eurural
A XXXII edición da Festa dos Callos do Porriño reafirmou este domingo o seu compromiso coa sostibilidade e coa posta en valor do produto local, renovando a súa certificación de Festa Sostible no marco do programa impulsado por Galicia Suroeste Eurural e financiado con fondos Next Generation – UE a través do PSTD “A Despensa de Galicia”.
Despois de ter participado en 2024 como evento piloto dentro da Guía de Certificación e Boas Prácticas para Festas Gastronómicas Sostibles, o Porriño deu este ano un paso máis, consolidando un modelo de celebración respectuosa co medio e coa veciñanza. A festa contou coa participación de 33 establecementos hostaleiros, que serviron 9.800 racións de callos durante unha xornada na que se combinou gastronomía, música e tradición, dentro das Festas do Cristo.
O evento, organizado polo Concello do Porriño en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de O Porriño (AHOSPOR), destacou pola mellora na coordinación organizativa e na xestión dos residuos, reforzando a recollida selectiva e a implicación dos servizos municipais de limpeza. Ademais, mantívose o uso das emblemáticos pratos de barro reutilizables, que se converteron nun símbolo da festa e nun exemplo de redución do material dun só uso.
No plano gastronómico, os locais volveron sorprender con receitas tradicionais e propostas innovadoras, incluíndo opcións vexetarianas, e poñendo en valor o produto local e o traballo da hostalaría porriñesa. A combinación entre tradición, calidade e responsabilidade ambiental converteu esta edición nun modelo de festa sostible e 100 % local.
Desde Galicia Suroeste Eurural felicitan ao Concello do Porriño e a AHOSPOR polo seu compromiso e pola mellora continua:
“O Porriño demostra que a sostibilidade é compatible coa tradición e coa festa. A implicación da hostalaría local e o apoio municipal fan posible un modelo de celebración que fortalece o territorio e reduce o impacto ambiental”, sinalan desde a entidade.